O Rosal visita Pontevedra para coñecer o seu modelo de cidade
O equipo de Goberno, encabezado pola alcaldesa, mantivo unha reunión co rexedor pontevedrés para afondar nalgúns dos proxectos de maior éxito no proxecto de transformación urbana
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O equipo de Goberno do Rosal, encabezado pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou este xoves Pontevedra co obxectivo de coñecer algúns dos proxectos realizados na vila nos últimos anos con maior éxito ao abeiro dun modelo urbano premiado internacionalmente. “Nós comezamos hai dous anos e medio con moita ilusión un novo camiño no Rosal, un tempo novo, e é moi gratificante vir a unha vila como Pontevedra, con todo o recoñecemento que ten en termos de recuperación do espazo público pero tamén pos cuestións como o coche de punto, a xestión de residuos ou o dinamismo cultural que se xera entre as persoas”, salientou a rexedora.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade de Pontevedra, nun momento da reunión coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís e varios edís
Alcaldesa e concelleiros mantiveron unha reunión co rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e con varios edís para coñecer de primeira man as actuacións que se están a levar a cabo en Pontevedra, a experiencia e as boas prácticas na mellora urbana e da contorna. Un encontro do que o equipo de Goberno rosaleiro leva “moitas aprendizaxes para seguir transformando o noso pobo”.
Fernández Callís agradeceu a reunión mantida e sinalou que aínda que O Rosal conta coas súas características propias “este tipo de transformacións e proxectos poden trasladarse á nosa contorna máis rural, poñendo ás persoas no centro e avanzando e camiñando cara a mellora das nosas contornas, nas que temos todo o futuro por gañar”.
Pola súa banda, o alcalde pontevedrés destacou a relevancia deste tipo de encontros para unha vila como O Rosal, que “ten a intención evidente de facer as cousas ben, que está ao tanto do que se vai facendo noutros sitios co obxectivo de achegar unha melloría na vida da súa veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario