18 de feb. de 2022

O MORRAZO

O Sergas segue a ofrecer información incompleta da actividade  do 061 no Morrazo para desactivar as protestas da sanidade 

Este domingo día 20 terá lugar unha nova mobilización para esixir melloras na Atención Primaria e unha ambulancia de reforzo na comarca 


Base do 061 en Cangas do Morrazo
Foto: CIG

Infogauda / O Morrazo

 A CIG denuncia que os datos ofrecidos pola dirección do 061 sobre o incremento da actividade das  ambulancias con base en Cangas e Moaña só se entenden como parte dunha campaña de ocultación da  realidade que ten como obxectivo desmobilizar a veciñanza da comarca do Morrazo, que leva meses de  protestas para reclamar unha atención sanitaria digna.  

 De feito, este domingo 20 terán lugar marchas simultáneas dende as dúas localidades para reclamar  melloras na Atención Primaria. Ademais, tanto a CIG como o Consello Municipal de Saúde de Cangas  demandarán unha nova ambulancia para reforzar o servizo do 061. As manifestacións arrincarán ás 11:00 horas dende os centros de saúde das dúas localidades e confluirán na parroquia de Tirán. 

 Dende a CIG consideran que a estratexia do Sergas para intentar desmobilizar consiste en contestar  “sempre algo diferente ao que se lle pregunta ou ofrecer a metade da información que se lle solicita”.  Neste sentido, critican que a dirección do 061 fale intencionadamente da actividade das ambulancias con  base en Cangas e Moaña e evite ofrecer datos sobre outras ambulancias con bases en lugares tan dispares como Bueu Vigo ou Redondela que están a realizar servizos urxentes a diario e de forma constante no  Morrazo. “Deste xeito o 061 tan só está a dar datos da metade da actividade para que pareza menor,  ocultando así a verdadeira realidade”. 

 Tanto a CIG como o grupo parlamentario do BNG e as Alcaldías dos Concellos de Cangas, Moaña e  Bueu solicitaron formalmente por escrito ao Sergas datos específicos sobre como se calculan os tempos  de espera das ambulancias ante unha urxencia e cantas veces eses tempos chegan a superar unha hora de  espera. Mais tamén cantas veces ante a falta de ambulancia ten que ser mobilizado en taxi o persoal do  PAC ou do centro de saúde para servizos catalogados como emerxencias. Sen embargo, censuran que  estes datos non foron facilitados polo 061 ao entender que “non representan unha imaxe da situación do  transporte sanitario”. 

 No sindicato nacionalista consideran que o recoñecemento por parte do 061 dun incremento de 1,7  servizos durante o verán significa que as ambulancias permanecen ocupadas tres ou catro horas máis  dende que son activadas até que volven ao Morrazo. “Porén, os seus responsábeis teñen claro que as  ambulancias con base en Cangas e Moaña teñen períodos nos que están permanentemente ocupadas e  que polo tanto é imposíbel que poidan facer máis servizos dos que fan; isto supón que aumenten os  tempos de espera e teñan que acudir ambulancias de fóra do Morrazo en situacións de emerxencias  vitais”. 

Novo castigo da Xerencia da área sanitaria de Vigo ao persoal sanitario do 061 

 Por outra banda, tras analizar o documento do Plan Funcional do Centro Integral de Saúde Morrazo-Sur,  que albergará a futura base do 061 de Cangas, os representantes sindicais da CIG puideron comprobar  que o espazo das instalacións reservadas ao persoal do 061 e á súa actividade redúcense a un terzo das  existentes. 

 No documento evidénciase como non se respectan dereitos básicos como vestiario laboral ou separación de baños para mulleres/homes. Tampouco se dota a instalación dun garaxe para as ambulancias no que  ademais de poder realizar as tarefas de limpeza e desinfección, o persoal poida resgardarse das  inclemencias meteorolóxicas. Deste xeito, os pacientes terán que soportar as altas temperaturas do verán  ou o frío do inverno cando sexan atendidos na cabina asistencial. 

 Por este motivo, e con independencia doutras necesidades detectadas no documento, a CIG solicita que  se corrixan as deficiencias e se lle convoque a todos os órganos de consulta e decisión sobre a futura  instalación sanitaria en calidade de sindicato representante do persoal 061 na zona Morrazo-Sur da área  sanitaria de Vigo. 

 Cómpre lembrar que coincidindo coas denuncias formuladas por parte do persoal sanitario do 061, o  colectivo de persoal técnico de emerxencias non foi incluído nas probas de cribado covid para o persoal  sanitario e socio-sanitario. “Ademais, este persoal quedou fóra do primeiro grupo da campaña de  vacinación da gripe e mesmo foi o único en toda Galiza en ser excluído da terceira dose da vacina covid  até que se denunciaron os feitos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario