18 de feb. de 2022

MAR

A CIG reclámalle ao Goberno e á Xunta que poñan todos os medios  necesarios para atopar os mariñeiros desaparecidos en Terranova 

Insta a enviar embarcacións militares á zona para participar nas labores de  busca “en lugar de envialas a facer manobras polo conflito de Ucraína” 


Xabier Aboy
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A FGAMT-CIG reclámalle ao Goberno español e á Xunta de Galiza que poñan todos os medios necesarios para atopar os mariñeiros que continúan desaparecidos tras o afundimento dun pesqueiro galego en augas de Terranova. Dende a central sindical instan a enviar embarcacións militares á zona para participar nas labores de busca “en lugar de envialas a facer manobras polo conflito de Estados Unidos, Rusia e Ucraína”. 

 Unha vez que o Goberno canadense anunciou que suspende as labores de busca a CIG insta os Executivos  español e galego a poñer os medios humanos e materiais que sexan precisos para atopar os desaparecidos,  “porque non pode ser que outras embarcacións que se atopan faenando na zona teñan que encargarse desas  labores, e ao mesmo tempo seguir a traballar”.  

 Neste senso, Xavier Aboi, do sector de Mar da FGAMT-CIG, sinala que o que está a acontecer lembra o  sucedido hai máis de 30 anos tras o naufraxio do pesqueiro guardés 'Velasco II', cando outras embarcacións de  pesca tiveron que facerse cargo da busca unha vez que as autoridades estatais responsábeis de salvamento  deron por finalizados os traballos. “Máis de tres décadas despois semella que as cousas non mudaron  demasiado para a xente do mar”, láiase Aboi.  

 Por iso fai un chamamento a atender as demandas das familias dos afectados e do conxunto do sector, que  reclaman que se continúe coa busca. “Que manden fragatas ou o que sexa necesario, de igual xeito que teñen  feito para controlar a frota galega nesa mesma zona a petición de Canadá, ou da mesma forma que agora fan  para participar en manobras militares polo conflito entre EEUU, Rusia e Ucraína”. 

 Finalmente, trasladou novamente o apoio da central sindical aos afectados e ás familias dos falecidos e  desaparecidos no sinistro marítimo e expresou o desexo de que “máis pronto que tarde” se atopen as persoas  desaparecidas ou os seus corpos “para que poidan ser despedidos polos seus seres queridos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario