18 de feb. de 2022

GALIZA

Convocada folga nas residencias de maiores e nos centros de día  privados ante a negativa da patronal a rematar coa precariedade 

· Os sindicatos denuncian salarios de miseria, sobrecarga de traballo, cambios  nos calendarios e falta de tempo para prestar unha atención de calidade 


Na rolda de prensa as centrais dinicais CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria dunha xornada de folga para o vindeiro 18 de marzo nas  residencias de maiores e nos centros de día privados de Galiza
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria dunha xornada de folga para o vindeiro 18 de marzo nas  residencias de maiores e nos centros de día privados de Galiza ante a negativa do empresariado a rematar coa elevada  precariedade que padece o persoal do sector. Os sindicatos denuncian salarios de miseria, sobrecarga de traballo,  cambios nos calendarios e falta de tempo para prestar unha atención de calidade, mais a patronal segue negándose a  negociar un convenio colectivo que poña fin á “situación insostíbel” na que se atopan máis de 10.000 traballadoras/es  no conxunto do país. 

 Unha representación de cada unha das tres centrais compareceu esta mañá en rolda de prensa en Vigo para explicar os  detalles da decisión. Por parte da CIG, participaron a secretaria nacional e o secretario de Negociación Colectiva da  federación de Servizos, Transi Fernández e Adolfo Naia, ademais da responsábel do sector de residencias privadas da  CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández. 

 Os responsábeis sindicais explicaron que a raíz da emerxencia sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus a  “grave situación” que padecían as traballadoras/as na maioría das residencias da terceira idade converteuse en  “insostíbel”, con salarios de miseria, sobrecargas de traballo e falta de tempo para prestar unha atención de calidade ás  persoas usuarias. Ademais, este persoal, integrado na súa maior parte por mulleres, ten que soportar cambios continuos  nos calendarios, falta de valoración psicosocial e modificacións constantes nos protocolos e nos criterios de  seguridade. “E aínda por riba, por se todo isto fose pouco, a patronal négase a negociar un convenio digno”, lamentan. 

 Por iso consideran que é o momento de reactivar a negociación colectiva e desbloquear este conflito “para poñer enriba da mesa o esforzo e o sacrificio das empregadas/os durante toda a pandemia e esixirlle á Xunta e á patronal o  recoñecemento económico e social que merecen”. En consecuencia, as tres centrais acordaron convocar unha xornada  de folga o venres 18 de marzo “fronte á falta de vontade de negociar un convenio digno por parte da patronal e ante a  inacción da Xunta”. 

 O anterior acordo laboral caducou en 2019, polo que o persoal do sector continúa cos soldos conxelados dende entón,  até o punto de que hai categorías laborais con salarios por debaixo do SMI. Mais o empresariado négase a mellorar as  condicións económicas, a pesar de que o ano pasado pechou cun IPC do 6,5%, porcentaxe que as empresas xa  aplicaron no prezo das prazas. 

 Ao mesmo tempo, inciden en que non se trata dun “simple conflito laboral” entre traballadoras/os e patronal, senón  unha “cuestión social” que afecta a toda a sociedade galega, porque entenden que está en xogo a atención e o coidado  das persoas maiores. “O dereito a un servizo de coidados de calidade e a prestación de coidados en condicións dignas  están sendo vulnerados e non podemos mirar para outro lado”. 

 Critican que a Xunta de Galiza convertese os coidados nun negocio que permite que “as empresas privadas que  xestionan servizos públicos financiados con diñeiro público estean a obter enormes beneficios económicos a costa da  explotación salvaxe das traballadoras/es e da mala calidade do servizo”. Diante disto, chaman ao conxunto da  sociedade galega a apoiar as reivindicacións en defensa do persoal do sector, das persoas residentes e do interese  social. “Animamos a todas as traballadoras/es do sector e a toda a cidadanía a participar activamente na folga e nas  diferentes mobilizacións que se levarán a cabo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario