Galicia reforza a colaboración con Portugal en materia de control da produción de moluscos bivalvos
A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, e profesionais do centro, visitaron as instalacións que o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) ten en Algés
Foto: X.G.
Infogauda / Oeiras (Portugal)
A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, e profesionais do centro con sede en Vilagarcía de Arousa visitaron nos últimos días as instalacións que o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) ten en Algés, no distrito de Lisboa, para reforzar a colaboración dos dous organismos investigadores en materia de control da produción de moluscos bivalvos. Os representantes do centro dependente da Consellería do Mar e do seu homólogo luso analizaron o xeito de aproveitar sinerxías e de avanzar na mellora do seu labor de control co obxectivo de garantir as condicións hixiénico-sanitarias destes recursos e salvagardar a saúde pública. Trátase dunha visita que se suma á realizada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a propia directora do Intecmar a este instituto en novembro do ano pasado.
O Intecmar é un centro de referencia internacional que conta con máis de 25 anos de experiencia na materia e que vén de asumir o papel de laboratorio nacional de referencia no control de biotoxinas mariñas no marco dun convenio coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) para colaborar neste eido. Mentres, o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera depende do Estado luso e dedícase á investigación relacionada co mar, a climatoloxía e a agricultura. As funcións de ambos centros son fundamentais para garantir a trazabilidade e a calidade dos moluscos e a súa chegada ao mercado con todas as garantías hixiénico-sanitarias, algo especialmente relevante tendo en conta que tanto Galicia como Portugal son importantes potencias exportadoras de moluscos bivalvos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario