26 de feb. de 2022

A GUARDA

COMEZARON AS OBRAS DE "MELLORA FUNCIONAL DA RAMPLA DE VARADA DO PORTO DA GUARDA"

Que contan cun importe de adxudicación de 180.290,00 euros (I.V.E. incluído)




Veñen de comezar as obras de "Mellora funcional da rampla de varada do porto da Guarda"
Fotos: Santiago Baz Lomba

Infogauda / A Guarda

 Promovidas pola Entidade Pública Empresarial (EPE) Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, da Xunta de Galicia, veñen de comezar as obras de "Mellora funcional da rampla de varada do porto da Guarda", que o pasado 21 xuño de 2021 sairan a concurso cun orzamento de licitación de 205.000 euros.

 As devanditas obras contan cun orzamento de adxudicación de 180.290,00 euros (I.V.E. incluído), e que están sendo realizadas por persoal de Oys Noroeste, S.L., empresa de construcción con enderezo social en Outes (A Coruña), que no seu momento xa fixera a rehabilitación do porto pesqueiro de A Guarda e o paseo marítimo.

 Nesta ocasión, os traballos proxectados consisten na mellora da operatividade desta infraestrutura -rampla de varada do porto da Guarda - na que ten lugar a carga e descarga de pesca do peirao guardés, para garantir a súa funcionalidade en condicións axeitadas de seguridade. A rampla, que ten unha anchura de 115 metros e unha lonxitude de 72 metros, desemboca nunha zona de rocha que en función das mareas dificulta o seu uso polo que é necesaria a prolongación.  

 As obras inclúen a ampliación da rampla en 18,5 metros de lonxitude e 35 de anchura, partindo das escaleiras de acceso. Así mesmo abarcan o recalce do peirao de descarga e a reparación das escaleiras anexas que se empregan para o subministro de combustible. Finalmente restituirase tamén parte do pavimento da rampla actual.  

 Con carácter previo a esta actuación o proxecto inclúe a dragaxe da fronte de acceso á rampla ata acadar a cota -1. A superficie para dragar é de 952 metros cadrados e o volume estimado de material para extraer, de 140 metros cúbicos. O material será trasladado a outra zona da dársena ou retirado para a súa valorización en terra.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario