ONS SOA
Unha exposición de Paula Ballesteros-Arias
O xoves, 3 de febreiro, ás 12:00 terá lugar a inauguración da mostra “Ons Soa” na Sala de Exposicións “Antón Mouzo “ (Casa da Cultura – Vimianzo). Para a inauguración está prevista a asistencia da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez e da comisaria da exposición, Paula Ballesteros-Arias
Infogauda / Vimianzo (A Coruña)
Desde o 3 de febreiro poderase visitar en Vimianzo a exposición ONS SOA. A exposición, producida pola MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) do Museo do Pobo Galego, na súa 16ª edición, que se celebrou a comezos de abril de 2021, abrangueu unha selección de imaxes e sons que proceden do traballo que Paula Ballesteros desenvolveu para o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013 con outros materiais que a etnógrafa foi recompilando desde finais dos 80 até 2016. Co achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria e dos testemuños das persoas que residen na illa no momento da investigación, a autora pensou a exposición como un relato autoetnográfico, resumindo as súas inquedanzas e impresións sobre o patrimonio cultural de Ons.
Para a etnógrafa e autora das fotografías, este é “un momento especialmente emotivo por varias razóns: unha delas, porque se fai visible parte do traballo etnográfico e arqueolóxico que se fixo na illa de Ons xunto cos meus compañeiros e compañeiras do CSIC, e tamén porque, grazas á MICE e ao Museo do Pobo Galego, estou mostrando a miña visión particular deses anos de traballo e dese proceso de investigación a través de imaxes e de sons”. Pero, para Paula Ballesteros, esta mostra trata, sobre todo de “devolverlle unha parte dese traballo á propia illa e á súa xente. É un exercicio de compartir experiencias. Non só se trata de recoller información. Tamén consiste en facerlle unha devolución á xente e á paisaxe que colaborou nese proceso de investigación”.
A illa de Ons (Bueu, Pontevedra) pertence ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia desde o ano 2002, xunto cos arquipélagos das Cíes, Sálvora e Cortegada e é o único que aínda está habitado. Paula Ballesteros comezou a idear este traballo no verán de 2006, cando nun paseo pola praia de Canexol recoñeceu algo no cantil que lle fixo pensar en que alí houbera unha manufactura de salgadura de peixe da época romana.
Esta mostra práctica -e sensorial- de antropoloxía visual poderase ver na Sala de Exposicións “Antón Mouzo” (Casa da Cultura – Vimianzo) até o 28 de febreiro de 2022.
Ningún comentario:
Publicar un comentario