O PARQUE INFANTIL DE CHAN CONDE ESTÁ EN OBRAS
En breve ofrecerá un novo aspecto e dará máis confianza as nais e pais para que poidan levar alí aos picariños
Infogauda / A Guarda
O espazo público coñecido popularmente como Chan de Conde, era - ata que comezaron as obras de humanización da rúa Concepción Arenal - un lugar onde moitas nais levaban a seus pequenos para brincar. A superficie dese lugar era horizontal, e non ofrecía perigo para os usuarios.
Posteriormente, cando as devanditas obras de humanización estaban a punto de seren rematadas, á cidadanía puido comprobar como o espazo que ao longo de moitos anos tiña unha superficie horizontal, pasaba a ter, por obra e graza, presuntamente, da creatividade do autor do proxecto, unha notoria pendente, motivo pola cal, entre á veciñanza xurdiron críticas por esa decisión. Mesmo houbo quen designou ese lugar cun epíteto bastante crítico, que por respecto aos amables lectores deste xornal dixital transfronteirizo non imos reproducir. En todo caso, esa denominación en ton crítico, foi proferida en máis dunha sesión plenaria do Concello de A Guarda e tamén de xeito coloquial na rúa.
Andado o tempo, a verdade é que pouco público tiña ese recinto, como se puido comprobar en diferentes ocasións, tal vez porque hai que ser ou moi valente ou moi ousado, para deixar os picariños nese lugar onde o perigo - malia contar co pavimento de caucho, axeitado para ese tipo de superficies - estaba latente.
O certo é que a día de hoxe podemos decir que o parque infantil de Chan de Conde está en obras. Aplicando esa máxima do poeta británico Alexander Pope que dí “Errar é humano, perdoar é divino, rectificar é de sabios”, coidamos que o máis acertado é precisamente rectificar. E iso, é o que están facendo os operarios no devandito enclave de Chan de Conde.
Coidamos que ainda que o labor de rectificación chegue un pouco tarde, tamén é ben certo que "Máis vale tarde que nunca", como oportunamente, dixo fai máis de 24 séculos, o filósofo Dióxenes de Sínope.
Confiamos en que desta o espazo de Chan de Conde quede en perfecto estado e volte a ser, en boa hora, un lugar de lecer seguro para a cativada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario