O Concello de A Guarda realizará este ano o tradicional Desfile do Martes de Entroido
As Bases de participación, xa están xa dispoñibles na sede electrónica da web municipal
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda informa que este ano 2022 realizarase, sempre que a situación sanitaria así o permita, o tradicional Desfile do Martes de Entroido, que terá lugar o día 1 de marzo de 2022.
Esta decisión foi adoptada despois dun encontro mantido a pasada semana entre o concelleiro de Festas e Festexos Populares, Rafael Álvarez Martínez; a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, e representantes de grupos e comparsas da vila que cada ano participan neste desfile.
Nesta reunión, na que se falou sobre a celebración do Desfile de Entroido deste ano, acordouse por unanimidade a súa realización, sempre respectando as medidas sanitarias vixentes e co ánimo de dinamizar a vila nunhas datas tan características para todos os veciños e visitantes.
Os asistentes á reunión manifestaron a súa dispoñibilidade, gañas e ánimo de participar no tradicional Desfile do Martes de Entroido e, vendo o seu interese, optouse por celebrar o mesmo e publicar as Bases de participación, que están xa dispoñibles na sede electrónica da web municipal para inscribir aos grupos e comparsas que desexen participar, contando con axudas á participación por parte do Concello de A Guarda.
DESFILE DE ENTROIDO 2022
BASES
1ª OBXECTO
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Festexos, organiza o Desfile de Entroido 2022 que se realizará na tarde do Martes de Entroido 1 de marzo de 2022 co obxecto de manter a tradición local e promover a participación dos veciños da vila. Para elo presenta as seguintes bases nas que se recollen as modalidades de participación e as axudas económicas.
2º LUGAR E DATA
O Desfile realizarase o 1 de marzo de 2022 con saída ás 17:30h. da Praza de San Bermardo (“Esquina Famosa”) e o seguinte percorrido: Praza de San Bernardo - Rúa Galicia - Avda. Rosalía de Castro - Alameda.
Os participantes deberán presentarse no lugar de saída nos seguintes horarios para a correcta organización da saída:
· Entre 16.45 e 17:00 as carrozas e comparsas que incorporen elementos móviles
· A partir das 17:05h. o resto de comparsas e os grupos.
En calquera caso, ás 17:20 deberán estar todos os participantes no punto de saída para poder iniciar o desfile con puntualidade. Os participantes que non cheguen en tempo quedarán sen opción á percepción económica.
EN CASO DE CHOIVA NA DATA PREVISTA
En caso de choiva o desfile quedaría aprazado para o seguinte fin de semana, quedando o día mais favorable en virtude da previsión meteorolóxica. De persistir a previsión de choiva, escollerase unha nova data determinada pola previsión meteorolóxica. En caso de aprazamento por choiva, abrirase un prazo de dous días hábiles dende que se decida o aprazamento para que os participantes poidan confirmar a súa asistencia na nova data indicada, así como para que se anoten novos participantes.
3º PRAZO E FORMA DE INSCRICIÓN
Os interesados en participar no Desfile deberán cubrir o formulario anexo a estas bases e a documentación indicada no punto 4º e entregala entre os días 17 a 22 de febreiro de 2019 no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9 a 14h. de luns a venres, ou na sede electrónica do Concello: http://aguarda.sedelectronica.gal/info.0.
. Poderán remitirse inscricións por vía postal, selladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude, de xeito que quede constancia da entrega dentro do prazo establecido. Para garantir este feito, rógase adiantar por email a rexistro@aguarda.es a copia da solicitude sellada na oficina de Correos. Ó igual que o resto de solicitudes, estas inscricións só terán validez se veñen acompañadas da documentación requirida.
Dacordo coa Lei 39/2015 no seu art. 14 os participantes que se inscriban en calidade de persoa xurídica, como é o caso das asociacións, deberán face-la inscrición a través da sede electrónica do Concello da Guarda.
A participación e inscrición no concurso supón a aceptación destas bases. Se os solicitantes non reuniran os requisitos esixidos nestas bases, requiriráselle para que subsanen as deficiencias en dous días hábiles, con indicación expresa de se non o fixese, teráselle por desistido na súa solicitude.
4º DOCUMENTACIÓN NECESARIA
· Formulario debidamente cuberto e asinado polo representante do grupo, carroza ou comparsa. Pode ser persoa física ou asociación.
· Fotocopia do DNI do solicitante ou en caso d e asociacións o representante que entrega a documentación
· No caso de que o participante sexa unha asociación achegará fotocopia do CIF da asociación, ou de non ser posible, os estatutos.
· Certificado de Titularidade da conta bancaria, expedida pola entidade asinada e selada no 2021 ou 2020. O certificado debe estar a nome do representante que realiza a inscrición, ou da asociación.
· Declaración responsable de non estar incurso en incapacidades e prohibicións coa Administración para a percepción de subvencións, así como de estar ó corrente coas obrigas tributarias, co Estado, Xunta de Galicia, Concello de A Guarda e Seguridade Social.. (ANEXO II)
· MENORES DE IDADE:
· Para a admisión de participantes menores de idade, en calquera das categorías, deberá achegarse autorización asinada polo pai, nai ou titor.
· Cando tódolos integrantes sexan menores, o representante do grupo será un dos pais ou nais, quen asinará a inscrición, aportará a copia do seu DNI e no seu caso, recibirá a axuda económica.
· No caso de asociacións, poderán entregar unha declaración xurada na que se indique que contan coa autorización dos pais e titores para a realización de actividades fora da sede da propia asociación, adxuntando ó mesmo tempo seguro de Responsabilidade Civil na que se faga constar a cobertura con menores
4º CATEGORÍAS DE PARTICIPACIÓN
No Desfile de Entroido poderase participar en dúas modalidades:
A) Sen opción a compensación económica: todos aqueles que queiran sumarse no día do desfile, sen necesidade de inscrición previa. De xeito individual, parella ou grupo
B) Con opción a compensación económica. Poderase participar nas seguintes categorías:
· CARROZAS:
Grupo mínimo 6 persoas enriba dun ou varios móbiles representando unha temática común (carro, tractor, motocultor…) debidamente decorado e que leven acompañamento musical (en vivo ou mediante megafonía)
· COMPARSAS: Grupo mínimo de 10 persoas que representen unha temática común e leven acompañamento musical (en vivo ou mediante megafonía)
· GRUPOS: Grupo composto por un mínimo de 4 e un máximo de 9 persoas
Os participantes en cada unha das categorías mencionadas deberán ir convenientemente caracterizados de Entroido: con maquillaxe e vestiario coidado e gardando unha coherencia temática entre si.
5º COMPENSACIÓN ECONÓMICA Á PARTICIPACIÓN
Como compensación polo traballo e esforzo que supón a elaboración do atrezzo e traxes de Entroido, prevese o pago dunha contía fixa segundo ás diferentes categorías:
· CARROZAS----290€
· COMPARSAS---230€
· GRUPOS------100€
Terán dereito ó cobro desta axuda económica as 10 primeiras carrozas ou comparsas que se inscriban, así como os 6 primeiros grupos. Ou en calquera caso ata esgotamento do crédito.
O cobro destas axudas queda supeditado ó cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Terse inscrito previamente como participante no prazo indicado e coa documentación completa, según se recolle nos artigos 3º e 4º
b) Participar efectivamente no desfile co número de integrantes indicado no momento da inscrición, e cumprir os requisitos mínimos que se recollen para cada categoría
c) O Departamento de Cultura será o responsable de levantar acta dos grupos participantes durante o desfile, dando conta do número de compoñentes e cumprimento das condicións de participación. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións legalmente constituídas e as persoas físicas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
6º LISTADO DE PARTICIPANTES E ORDE DE PARTICIPACIÓN
O día seguinte ó remate do prazo de anotación farase público na sede electrónica, mediante resolución de Alcaldía, o listado provisional cos participantes admitidos indicando a orde de anotación e se teñen dereito á compensación económica por participación. Na mesma resolución farase indicación dos participantes non admitidos e o motivo, tendo estes un prazo de dous días hábiles para subsanar o motivo de inclusión. Tras este período emitirase nova resolución con listado definitivo de admitidos.
7º CONSIDERACIÓNS A TER EN CONTA ANTE A PANDEMIA POLO COVID-19
O Desfile de Entroido celebrarase segundo o detallado nas presentes bases sempre que a evolución sanitaria o permita. No caso de entrar en vigor novas restriccións ou ter datos da evolución pandémica desfavorables a convocatoria do mesmo podería mudar para ser compatible con dita situación.
Dacordo co Protocolo publicado pola Xunta de Galicia para a celebración do Entroido (25/01/2022) no transcurso do Desfile os diferentes grupos e comparsas manterán unha distancia de seguridade entre sí e co público asistente. O uso da máscara será obrigatorio para os participantes e para o público.
DISPOSICIÓN FINAL
O Concello resérvase o dereito para a captación e difusión das imaxes do desfile para fins de publicidade e promoción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario