25 de feb. de 2022

A GUARDA

A Guarda sumouse as conmemoracións do Día de Rosalía de Castro 

Seis centros de ensino da Guarda (San Xerome, A Sangriña, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, PP. Somascos e San José-HH. Carmelitas) acolleron a actividade Rosalía cantareira 


Irene Silva e Fátima Granja fixeron cos nenos de primaria unha actividade interactiva  para “sentir a Rosalía”

Fotos: C.A.G.

   

Infogauda / A Guarda

 O pasado 23 de febreiro Rosalía de Castro estivo de aniversario e a súa celebración espallouse por toda a xeografía galega. Na Guarda tivemos a honra de celebrar esta efeméride cunha programación pensada para reivindicar a figura de Rosalía dende un halo de actualización e vangardismo. Así escolleuse a imaxe e proxecto Rosalía Total da artista do Val Miñor, Irene Silva, que reinterpreta o habitual busto da escritora galega inundándoo de cor e alegría. Esta imaxe transportada ata o porto de A Guarda foi a utilizada nos marcapáxinas que se repartiron nas librerías e na biblioteca municipal e que aínda seguirán a disposición dos veciños ata fin de existencias. 



 

 Pero sen dúbida a gran celebración tivo lugar co público escolar. Dese xeito, seis centros de ensino da Guarda (San Xerome, A Sangriña, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, PP. Somascos e San José-HH. Carmelitas) acolleron a actividade Rosalía cantareira coa que se fixo un exercicio de reactualización da figura de Rosalía a través da musicalidade dos seus versos. Irene Silva e Fátima Granja fixeron cos nenos de primaria unha actividade interactiva  para “sentir a Rosalía”. O obxectivo das artistas non é un coñecemento profundo da obra, senón contaxiar emocións e acabar sentindo que a obra rosaliana transcendeu os seus 159 anos - que están a punto de cumplirse, dende a publicación de "Cantares Gallegos", o 17 de maio de 1863, na cidade de Vigo - e segue a estar presente porque “lle falou ao pobo”. Para iso puxéronlle música de rancheira, rumba, rock e rap implicando aos alumnos nos retrousos dos poemas para entonar ao final ao unísono a ritmo de rap: “E canta se queres na lingua que eu falo”.  





 

 Tanto o alumnado coma o profesorado amosaron unha moi boa acollida desta actividade, por ser un xeito diferente de achegarse á obra e figuras rosalianas.  

 Destacar que como parte do seu programa educativo, o colexio CEIP As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campos quixo facer unha entrevista ás artistas Irene Silva e Fátima Granja na súa emisora de radio  (Radio Treboada) que dende o día 25 pode escoitarse na web do centro. Unha entrevista que recomendamos para poder coñecer un pouquiño mais da alma deste proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario