19 de xan. de 2022

VIGO

Persoal de ZF Dalphimetal reclama cunha protesta a volta ás  negociacións do convenio colectivo 

A maioría do comité convocou unha concentración xunto á empresa da  automoción con sede en Vigo 


Unha parte importante do cadro de persoal de ZF Dalphimetal, mobilizouse hoxe a carón das instalacións da compañía para reclamar a  volta ás negociacións do convenio colectivo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Unha parte importante do cadro de persoal de ZF Dalphimetal, empresa da automoción con sede no  polígono vigués do Caramuxo, mobilizouse hoxe a carón das instalacións da compañía para reclamar a  volta ás negociacións do convenio colectivo despois de que a dirección comunicase que non vai presentar  máis propostas alegando que as posturas se atopan demasiado lonxe. 

 Dende a sección sindical da CIG en Dalphimetal explican que nun primeiro momento a empresa non tiña  intención de negociar a renovación do convenio -que leva caducado dende 2019- senón unicamente a  actualización salarial, pero a presión da representación sindical obrigouna a negociar o convenio na súa  totalidade. “CCOO mantívose á marxe en todo o proceso porque lle valía a proposta da empresa, pero o  resto -CIG, UGT e CUT- forzámola a sentarse”. 

 Mais a última proposta de suba salarial non satisfai en absoluto as pretensións do cadro de persoal, xa  que a empresa pretende un incremento de soldos do 0% para 2020, do 1% en 2021, do 0,25% en 2022 e  do 1,50% en 2023. “Isto supón que en catro anos os salarios subirían unicamente un 3,75%, unha  cantidade claramente insuficiente tendo en conta o incremento do custe da vida neste período”. 

 Unha vez que a parte social rexeitou a proposta, a empresa comunicou que non vai achegar máis  propostas, alegando que as posturas se atopan aínda moi lonxe do acordo. En consecuencia, a  representación sindical optou por promover a convocatoria das mobilizacións que comezaron este  mércores e que terán continuidade os mércores 26 de xaneiro e 2 e 9 de febreiro de 13:00 a 15.00 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario