Tres concellos -Mos, Porriño e Salceda de Caselas- renovan as súas infraestruturas deportivas cunha achega de máis de 90.000 euros
En Mos levouse a cabo unha pista polideportiva e adquiriuse equipamento para os ximnasios dos Campos de Fútbol das Baloutas e Coto Torrón e do pavillón Óscar Pereiro, mentres que en Porriño e Salceda instaláronse senllos vídeo marcadores
Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte destina 11,3 millóns de euros para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020
Fotos: X .G.
Infogauda / Mos, Porriño e Salceda de Caselas
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe tres concellos do sur da provincia de Pontevedra onde a Xunta de Galicia levou a cabo obras de renovación das súas infraestruturas deportivas a tenor dos convenios de colaboración asinados cos gobernos locais. Neste sentido, as obras levadas a cabo nos concellos de Mos, Porriño e Salceda de Caselas acadaron un presuposto total de máis de 90.000 euros.
En primeiro lugar, o mandatario galego visitou, da man da alcaldesa Nidia Arévalo, o concello de Mos, onde a pista polideportiva de San Rafael foi obxecto de obras por importe de 20.000 euros (19.986,58 euros), sendo achegados o 88% pola Xunta (17.755,96 euros) e o restante 12% polo concello (2.230,62 euros). A pista multideporte multifunción para práctica de varios deportes ten unhas dimensións de 22 por 44 metros e está preparada para o xogo ao aire libre para a práctica de fútbol, baloncesto, voleibol e balonmán. Conta con portarías antivandálicas e taboleiros de baloncesto antivandálicos con aros.
Ademais, tamén no Concello de Mos, a Xunta de Galicia asinou outro convenio de cooperación para a adquisición de equipamento para diferentes instalacións municipais por importe doutros 20.000 euros (19.474,66 euros). Do total deste importe, a Xunta achegou o 88% (17.244,04 euros) e o concello o restante 12% (2.230,62 euros). Grazas á sinatura deste convenio, creáronse dúas salas de ximnasio novas no Campo de Fútbol das Baloutas e no Campo de Fútbol Coto Torrón e, ademais, aumentouse o número das máquinas de exercicio existentes no Ximnasio do Pavillón Óscar Pereiro, así como a mellora e adquisición de novos elementos para a piscina.
Videomarcadores para Porriño e Salceda de Caselas
No Concello de Salceda de Caselas, onde visitou o pavillón municipal da man da alcaldesa, María Dolores Castiñeira, o vídeo marcador instalado tivo un custo de 26.335,65 euros, achegados no seu 76% (20.000 euros) pola Xunta e o 24% restante polo concello (6.335,65 euros). No pavillón municipal de Salceda é utilizado semanalmente por máis de medio milleiro de deportistas (515) das Escolas Deportivas Municipais de Salceda, o CB Caselas ou o BM Caselas entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario