30 de xan. de 2022

GALIZA

A clase traballadora galega botouse ás rúas convocada pola CIG contra unha nova reforma laboral que consolida a precariedade 

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, insta a aprobar unha lexislación que recupere os dereitos roubados e  mellore as condicións de traballo para ter emprego e salarios dignos  


Manifestación deste domingo polas rúas da cidade de Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A clase traballadora galega botouse hoxe ás rúas do país convocada pola CIG para amosar o seu total  rexeitamento á nova reforma laboral que veñen de aprobar o Goberno español, a patronal e os sindicatos  CCOO e UGT. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, instou a non validar no Congreso dos Deputados/as unha normativa que consolida a precariedade e reclamou unha nova lexislación que permita  recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo. 

 A xornada de mobilizacións, con 11 protestas por toda Galiza, coincidiu coa convocatoria feita en Euskal  Herria e Catalunya polo sindicalismo transformador para esixir a derrogación inmediata das reformas  laborais de 2010 e 2012 e reivindicar o dereito a negociar os convenios colectivos nos respectivos países, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as súas condicións de traballo e que non sexan as  cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid. 

 O secretario xeral da CIG, que participou na manifestación de Vigo, instou a non validar o próximo 3 de  febreiro no Congreso dos Deputados/as este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e  que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”. Carril chamou a aprobar unha nova lexislación  laboral que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo “para termos  emprego e salarios dignos”. 

 O responsábel sindical denunciou a “fraude” que supón unha nova reforma laboral que non derroga a de  2012, “que supuxo un auténtico golpe de estado aos dereitos laborais e sociais da clase traballadora”, e que  non recupera nin permite avanzar en novos dereitos. “Despois de 10 anos de loita e de mobilizacións,  despois de tres folgas xerais, a reforma de 2012 queda intacta, coa gravidade de que se actualiza á medida  das duras e inxustas condicións impostas pola UE para acceder aos fondos europeos”.  

 Neste senso, criticou o que considera un “novo e grave exemplo” da renuncia de UGT e CCOO a exercer de sindicatos de clase, de entreguismo aos intereses da patronal e de “tontos útiles” na renuncia do Goberno de PSOE e Unidas Podemos “á tan repetida promesa electoral” de derrogación da reforma. Por iso lamentou  que agora, 10 anos despois, fagan súa a reforma laboral do PP de Rajoy “cando dicían que estaban en  contra”. 

Gaña o capital e avanza o neoliberalismo 

 Para Carril, esta reforma é un novo instrumento que vai favorecer as “nefastas” políticas do PP e de Feijóo  en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar xustamente a crise social e industrial que padece o noso  país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos  da descarbonización e dixitalización, “que está a ter graves consecuencias como a destrución de emprego e  o aumento da precariedade”. 

 Porque con esta reforma “gaña o capital, avanza o neoliberalismo e Feijóo pecha o círculo para que a clase  traballadora galega e o pobo galego sigamos indo a pique”. Dáselle todo o poder para que o empresariado  poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo,  baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral. 

 Con respecto ao proceso de elaboración e aprobación da reforma, Carril censurou que “non lles abondou  con utilizar o diálogo social de forma antidemocrática para chegar a este obsceno acordo de non derrogar a  reforma laboral, senón que aínda por riba queren impoñelo no Congreso”. Diante disto, quixo deixar moi  claro que a CIG non vai calar, “por iso nos mobilizamos, por iso agardamos que as forzas políticas  soberanistas e de esquerdas se manteñan firmes sen dar un paso atrás para impedir que saia adiante”. 

 Así, incidiu en que son tempos de loita, de mobilización, e adiantou que os próximos días e os próximos  meses “son claves para parar a reforma e para confrontar as agresións que estamos a sufrir por causa da  crise e da súa xestión polos Gobernos galego e español”. Porque non hai mellora real das condicións de  vida nin conquista de dereitos “se non hai confrontación social e ideolóxica contra o poder económico e  político”.  

Principais aspectos negativos da reforma 

 Durante a súa intervención ao remate da protesta, o secretario xeral da CIG repasou os principais aspectos  negativos dunha reforma que recorta dereitos laborais e consolida un mundo do traballo “inxusto,  centralista, antidemocrático e asentado na temporalidade e na precariedade”:  

-Impón os marcos estatais fronte ao dereito á negociación colectiva en Galiza. 

-Non remata coa eventualidade nin impide as fraudes nos contratos a tempo parcial porque as modificacións nos tipos de contratos redúcense só a un cambio de nomes. 

-Implanta a inseguridade laboral permanente, agora chamada flexiseguridade, que se estende ao conxunto  da clase traballadora, mentres a patronal disporá de máis recursos públicos e mecanismos para empeorar as  condicións laborais e salariais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario