15 de xan. de 2022

A GUARDA

GENARO ALONSO MARTÍNEZ CREOU UN BELÉN CON MATERIAIS DE REFUGALLO

Para a parroquia de santa Eulalia de Liáns, en Oleiros (A Coruña) 




Imaxes dalgunhas das esceas do nacemento creado polo artista Genaro Alonso Martínez
Fotos: G.A.


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O artista Genaro Alonso Martínez (O Rosal, 1960), veciño do Coruto (Salcidos), A Guarda, onde ten seu fogar familiar, é unha persoa traballadora que ademáis posúe un destacado maxín creativo. Teno demostrado - por certo sen ningún indicio de presunción -  en diversas oportunidades, tanto en mostras de artesanía, como en exposicións artísticas, xa sexa de xeito individual, como cos membros do colectivo Somosarte, realizadas por diversas localidades da nosa contorna. Dese xeito, en máis dunha ocasión puidemos achegarnos as súas obras e comprobar como partindo de materiais que en moitos casos xa cumpliron á función para os cales foron fabricados no seu día, Genaro Alonso, reutilízaos, dándolles unhas novas utilidades. E faino cunha creatividade e cunha técnica, dignas de todo eloxio polo bo gusto que amosa en cada unha das obras que realiza. Se ademáis, temos en conta que os devanditos materiais poden ser cadeas de bicicleta, culleres, embobinados, engrenaxes, garfos, parafusos, palieres, piñóns, porcas,..., manufacturados en materiais como o aceiro de diversos tipos e características,..., daquela a afección de Genaro Alonso xa conleva determinadas complexidades técnicas, sobor de todo no que respecta a seu mecanizado e soldado. Todo iso, alomenos de xeito aparente, semella non ter complicación para este artista, pois as súas creacións preséntaas de xeito impecable. Outra cousa é, o proceso para chegar a lograr ese dominio dos materiais, que por certo, el non dubida en explicar a quen teña curiosidade para sabelo. Tal é súa bonhomía, que non pon ningún reparo en informar como chegou ao fermoso resultado final.

 Ten mérito, moito mérito, todo o que Genaro Alonso vén facendo no seu tempo de lecer. E teno ademáis, porque súas obras - ademáis de levar as tres R (reducir, reciclar e reutilizar) - son cada vez máis apreciadas. Un exemplo do que decimos é o belén que fixo para a parroquia de santa Eulalia de Liáns, no concello de Oleiros (A Coruña), e que foi presentado nas datas de advento de 2021, e que ao longo de todo o nadal recibiu merecidos e sinceiros eloxios, tanto do párroco José Carlos Alonso Seoane, como dos fregueses e veciños da bisbarra que puidérono visitar ao longo dun mes, na igrexa nova de Santa Cruz.

 O belén que fixo Genaro Alonso, reflicte a mensaxe das diferentes esceas (portal, adoración dos reis Magos,...), relacionadas co nacemento de Xesús, desde unha inspiración artística xenuinamente autóctona galega; e ten - ademáis do peso específico que achega cada un dos materiais, entre eles o chumbo -, a beleza da arte feita con elementos de refugallo. Todo iso, combinado co bo gusto do autor - que acertadamente se autodenomina escultor de reciclaxe - ofrecendo como resultado final un belén do máis artístico que calquera que non coñeza á obra e a traxectoria deste creador, puidera imaxinar.

 Con certeza que san Francisco de Asís, impulsor da tradición belenista, quedaría gratamente marabillado polo nacemento - verdadeira obra de arte - que Genaro Alonso Martínez realizou - e doou - para á parroquia de santa Eulalia de Liáns.

1 comentario: