29 de xan. de 2022

A GUARDA

O BNG URXE MELLORAR O ACCESO AO CENTRO DE SAÚDE DA GUARDA 

PARA  AMBULANCIAS E PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA  


Anxo Lois Baz Vicente,  portavoz do Grupo Municipal do BNG no concello de A Guarda, onte pola mañá, diante do centro de saúde de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 Reiterando no que xa manifestara no decurso do pleno ordinario celebrado onte venres día 28 de xaneiro de 2022, o portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Anxo Lois Baz Vicente vén de  manifestar: “O BNG  ten contrastado cos condutores de ambulancias e con persoas con mobilidade reducida as deficiencias que presenta a entrada do centro de saúde da Guarda ao carecer de acceso para vehículos.  

 Anxo Lois Baz considera que “darlle unha solución ao problema que presenta este acceso é unha cuestión de vontade política. Trátase de que as ambulancias e as persoas con mobilidade reducida teñan a posibilidade de chegar  ata a porta do Centro”.  

 Asemade, Anxo Lois Baz, considera que “a obra que compre facer é moi simple e consiste nun acceso para que estes vehículos podan chegar á porta sen necesidade de facer manobras xa que o espazo que hai diante do centro permite facer  unha vía con  entrada e saída”.  

 Os nacionalistas veñen de presentar esta proposta no Pleno do Concello  para que se tramite diante da Consellaría de Sanidade ao mesmo tempo que van presentar unha proposta no mesmo sentido no Parlamento Galego.  

 Anxo Lois Baz rematou concluíndo: “Resulta  lamentábel que tanto a Xunta de Galiza que está facendo obras no acceso ao Centro de Saúde como o Grupo de Goberno Socialista da Guarda que tivo que dar licenza para a realización destas obras non contemplaran esta intervención”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario