13 de xan. de 2022

A GUARDA

Alumnado do Obradoiro de Emprego de Promoción Turística de A Guarda visitou o Castro do Monte Santa Trega  

· Así como a propiedade “Villa María”, propiedade dos herdeiros do emprendedor camposino D. Eloi Domínguez Veiga


Manuel Álvarez Pérez, guía turístico oficial que traballa habitualmente para o Concello de A Guarda, acompañou ao alumnado nunha visita guiada ao Monte Santa Trega

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Alumnado do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII, na súa sección formativa de promoción turística local e información ao visitante, veñen de realizar sendas visitas ao Castro do Monte Santa Trega e a unha das vivendas indianas da nosa vila.  

 Trátase dunha das primeiras saídas de campo que realiza este grupo de 10 alumnas/os que iniciou a súa formación a finais de outubro do ano pasado na Guarda. 

 A saída formativa incluíu unha visita guiada que foi levada a cabo por Manuel Álvarez Pérez, guía turístico oficial que traballa habitualmente para o Concello de A Guarda. Realizouse un itinerario cunha duración de case 3 horas, xa que o contido e as explicacións tiñan como obxectivo principal facer traballo de campo, que vén a complementar o estudo e inventario dos recursos realizado na aula. Os participantes observaron aspectos do monte dende o punto de vista forestal, histórico, paisaxístico e recreativo. 

 Realizáronse fotografías de miradoiros, áreas recreativas e paisaxes. 

 Por outra banda tamén tiveron a oportunidade de visitar a propiedade “Villa María”, unha das vivendas indianas existentes na vila, coñecida como “Casa de Don Eloi Domínguez Veiga”, situada na Avenida de Galicia. Esta actividade, que supuxo unha oportunidade única, tivo unha duración de hora e media, e realizouse un percorrido polo exterior na zona axardinada, e un percorrido por todas as estancias do interior do inmoble. 

Formación Dual 

 Todas as persoas que participan no obradoiro benefícianse dunha formación específica durante nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade, incluídos en cada proxecto, e ademais poden optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro. 

 Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregadas/os, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuirá tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao da comunidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario