9 de dec. de 2021

VIGO

Nova sede da Oficina Delegada de MUFACE en Vigo 

Mellores condicións de traballo e de atención 

A oficina delegada de MUFACE en Vigo (Pontevedra) vai trasladar a súa sede a un local sito no barrio de Bouzas, onde abrirá as súas portas o próximo 20 de decembro. Nos días previos, non se ofrecerá cita previa, pero si se atenderán as urxencias sanitarias por teléfono ou correo electrónico. 


MUFACE compartirá coa Zona Franca de Vigo as instalacións deste edificio, que foi inaugurado en 1991 e é obra do arquitecto Desiderio Pernas Martínez

Foto: Cedida

Infogauda / Vigo 

 A partir do próximo 20 de decembro, os mutualistas residentes en Vigo (Pontevedra) poderán facer uso da nova oficina delegada, que traslada a súa sede ao barrio de Bouzas. O traslado alíñase co obxectivo do Plan MUFACE Avanza de mellora de accesibilidade das súas sedes e da súa estratexia inclusiva, mellorando ao tempo as condicións de traballo e atención ao público. O novo local, alugado ao Consorcio Zona Franca de Vigo –onde tamén se situará a nova oficina de prestacións automatizadas, que debe entrar en funcionamento nunhas semanas- cumpre con estas expectativas. 

 MUFACE dá servizo en Pontevedra e provincia a 29.415 mutualistas, dos cales 10.806 residen en Vigo. A oficina delegada atende diariamente a unha media de 45 persoas, xa sexa presencialmente, por teléfono ou telemáticamente.   

Datas de traslado sen cita previa 

 Para realizar o traslado, previuse non ofertar cita previa do 10 ao 17 de decembro inclusive, aínda que se atenderán do 13 ao 17 de decembro as urxencias sanitarias que poida haber, tanto por teléfono como por correo electrónico. Polo demais, poderase solicitar cita previa con normalidade, aínda que o sistema asignará citas a partir do 20 de decembro, e o servizo provincial seguirá atendendo con normalidade desde Pontevedra capital ás persoas que precisen xestións inaprazables. 

 A cita previa é obrigatoria en MUFACE desde xuño de 2020, e está dispoñible tanto no teléfono 060 como na sede electrónica de MUFACE, só con DNI e un teléfono móbil.  

 Enviouse un correo electrónico ou SMS a todos os mutualistas de Pontevedra informando as datas mencionadas. O teléfono e dirección de correo electrónico da Oficina Delegada seguirán sendo os mesmos que aparecen no apartado As nosas Oficinas na páxina web de MUFACE.  

Mellores accesos 

 A partir do 20 de decembro, os mutualistas de Vigo contarán cunha nova sede máis luminosa e accesible, o que tamén redundará en mellores condicións de traballo para os e as funcionarias de MUFACE. A nova localización conta con acceso en transporte público, autobús, e hai espazo para aparcadoiro gratuíto de vehículos particulares. 

 A principio de 2022, na mesma dirección, MUFACE inaugurará a súa primeira oficina automatizada de prestacións, que sen atención presencial dará servizo a todo o territorio nacional, como punta de lanza do modelo innovador que inclúe o Plan MUFACE Avanza 2021-2023. 

Con esta medida, a Mutualidad pon en valor a súa estratexia inclusiva, plasmada en proxectos do  Plan MUFACE Avanza 2021-2023, sempre coas liñas mestras de proximidade ao colectivo, vocación de servizo público e máxima orientación ás persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario