9 de dec. de 2021

VIGO

O xulgado declara abusivos os servizos mínimos  decretados polo Concello de Vigo na folga de Vitrasa 

O comité de empresa reclámalle por carta ao Goberno local que  reduza a porcentaxe para os vindeiros paros convocados 


Mobilización do comité de empresa e persoal de Vitrasa, diante do Concello de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Vigo vén de remitirlle  unha carta ao Concello solicitando a redución da porcentaxe dos servizos mínimos decretados para as xornadas de folga convocadas xa que o Xulgado Contencioso Administrativo número 2  declarou abusivos os da folga de outubro.  

 A representación sindical entende que estes servizos mínimos “desproporcionados” vulneran o  dereito a folga e unicamente atenden aos intereses patronais, tal e como constata a resolución  xudicial. Ademais, baralla a posibilidade de solicitar unha indemnización polo prexuízo xerado. 

 Ao mesmo tempo, o comité de empresa denunciou diante da Inspección de Traballo as  contratacións realizadas neste período ao entender que que vulneran o dereito de folga. E  critica que se estean reducindo as frecuencias de paso e mesmo eliminando liñas, o que na súa  opinión está a degradar o servizo “ante a pasividade do Goberno local”. Neste senso, censura  que esta sexa “a tónica xeral” en gran parte das concesións de Avanza, grupo propietario de  Vitrasa. 

 Finalmente, lembra que a folga que na actualidade se desenvolve os venres e os sábados pasará  a ser indefinida de luns a venres excepto festivos a partir do próximo luns día 13.“A empresa  abandonou as negociacións a primeiros do mes de novembro sen ter data para unha nova  xuntanza”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario