9 de dec. de 2021

VIGO

Continúan as protestas semanais para esixir a readmisión do  delegado da CIG no comité de Barreras 

Un grupo de traballadores/as desenvolveu hoxe unha nova  concentración diante do estaleiro vigués 


Esta mañá continuaron as protestas que cada xoves desenvolve o persoal de Barreras diante das  instalacións do estaleiro vigués

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Esta mañá continuaron as protestas que cada xoves desenvolve o persoal de Barreras diante das  instalacións do estaleiro vigués para reclamar unha solución á grave crise que atravesa a empresa,  demandar carga da traballo que garanta súa continuidade e esixir a readmisión do delegado da CIG no comité, Rafa Pérez. 

 Está previsto que as concentracións se celebren de xeito indefinido cada semana até que o  representante sindical volva ao seu posto de traballo. A CIG cualificou no seu momento de “mafiosa”  a forma de actuar da dirección en todo o que tivo que ver cun despido que se produciu despois dunha  ocupación simbólica das instalacións de Barreras por parte da central para reclamar a intervención  pública do estaleiro. 

 Porque a CIG aposta por reverter a privatización da compañía levada a cabo polo Goberno español de Aznar nos anos 90, o que permitiría contar cun estaleiro público ou semipúblico na ría de Vigo. 

 En canto ao despedimento de Pérez, a central sindical cualifica de “mafiosa” a forma de actuar da  dirección en todo o que tivo que ver coa súa saída da empresa, que se produciu despois dunha  ocupación simbólica das instalacións de Barreras por parte da CIG para reclamar precisamente unha  intervención pública do estaleiro ante a grave crise que atravesa. 

 O propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciara publicamente o despido “inxusto, violento  e mafioso” do compañeiro, nun intento da dirección de Barreras de “atemorizarnos e amedrentarnos  na loita que levamos na defensa do sector naval no seu conxunto e en particular nesta empresa”. 

 Por iso lanzoulle unha mensaxe aos responsábeis do estaleiro: “Que non pensen que con este  despedimento van amedrentar os traballadores/as do estaleiro ou van intimidar a CIG; non temos  medo, por iso imos continuar coas mobilizacións para esixir a readmisión do compañeiro e demandar  solucións que garantan o futuro do sector”. 

Nulidade do despido 

 Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, fixo fincapé no que feito de  que co despido de Pérez “pensaban que atacaban a parte máis débil e que iamos achantar, pero  equivocáronse; imos seguir até rematar con esta situación inxusta, até lograr a súa readmisión, porque Rafa somos todos e todas”. 

 Neste tempo a central desenvolveu numerosas protestas en apoio do compañeiro, incluso durante o  pasado mes de agosto, coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo porque Barreras non aceptou a súa readmisión. En consecuencia, o xuízo no que a CIG reclamará a nulidade  dun despido “inxusto e arbitrario” terá lugar no mes de xaneiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario