9 de dec. de 2021

TUI

O Concello rexistra 14 casos activos de violencia de xénero  

 Tui subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero  

• O municipio de Tui convértese así no décimo quinto da provincia en formar parte do Programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero VioGén  


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui 

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Tui na que se subscribiu o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero. Este protocolo de colaboración é necesario para formalizar a adhesión do municipio ao Sistema VioGén. O documento foi asinado polo alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, e polo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal. Con esta adhesión, Tui convértese no décimo quinto municipio da provincia en formar parte deste programa de protección de vítimas de violencia de xénero do Ministerio do Interior. 

 Maica Larriba aproveitou a Xunta Local de Seguridade para felicitar ao alcalde e a todo o equipo de goberno por “materializar o seu compromiso contra a lacra da violencia machista asinando este protocolo, tendo en conta a especial relevancia do Concello de Tui no seu territorio”. “As administracións debemos traballar de maneira coordinada e conxunta para frear unha das eivas máis importantes da nosa sociedade, a violencia contra a muller, e para iso é fundamental seguir garantindo recursos e esforzos”, sinalou a subdelegada. 

 A firma do protocolo que hoxe tivo lugar é o primeiro trámite que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen integrarse no Sistema VioGén. O protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade. Larriba destacou a importancia deste documento, que permite que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”. En particular, o protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas. 

 Doutra banda, Larriba fixo fincapé no “firme compromiso do Goberno de España coa erradicación de calquera forma de violencia machista”. Neste sentido, a subdelegada lembrou o incremento da achega estatal para levar a cabo políticas de sensibilización e prevención coa que conta o Concello de Tui, que pasou de 3.723 euros en 2018 a 15.219 euros en 2021. “Un exemplo –explicou- do compromiso deste Goberno por apoiar aos Concellos, as institucións máis próximas a cidadanía, nesa labor de acompañamento ás vítimas que realizan co obxectivo de que estas saiban que non están soas”. Así mesmo, a subdelegada quixo lembrar tamén “o fundamental rol que desenvolve a Garda Civil na protección e asistencia a todas as mulleres vítimas de malos tratos neste concello e na provincia”. 

 A subdelegada informou que na actualidade segundo os datos recollidos no Sistema VioGén, en Tui contabilízanse a día de hoxe 14 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón o 1,08 % dos casos activos na provincia de Pontevedra, onde se contabilizan 1.285 vítimas. 

 Para completar a súa adhesión ao Sistema VioGén, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero. 

O Sistema VioGén 

 O Sistema VioGén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos. 

 O Sistema tamén realiza predicións do risco de calquera vítima e, en función dese nivel, efectúa un seguimento e protección adecuado da muller que se trate en todo o territorio nacional. VioGén desenvolve ademais un labor preventivo con avisos, alertas e alarmas cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que pode poñer en risco a integridade da vítima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario