3 de dec. de 2021

VIGO

A CIG-Industria de Vigo reclama protocolos covid no  naval ante a proliferación de contaxios no sector 

Solicitou xuntanzas coas direccións dos estaleiros para  coñecer a situación real e abordar medidas de protección 


Instalacións do sector naval 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A federación de Industria da CIG de Vigo reclama a implantación de protocolos covid no naval  ante os numerosos contaxios rexistrados nos últimos días no sector. A central sindical solicitou  xuntanzas coas direccións dos distintos para coñecer a situación real e abordar a aplicación de  medidas de protección que garantan a seguridade dos cadros de persoal. 

 Dende a CIG-Industria amosan a súa preocupación pola proliferación de positivos por covid  que se está a rexistrar na industria naval viguesa nos últimos días, polo que solicitaron  xuntanzas cos estaleiros para avaliar a gravidade da situación sanitaria e abordar unha  estratexia que permita a contención dos contaxios. 

 En concreto, demandan a posta en marcha de medidas que garantan que as entradas e saídas  dos empregados/as se fai de xeito progresivo nas distintas quendas de traballo; a activación de protocolos de desinfección das construcións e dos locais; o incremento das ventilacións dos  distintos espazos; a dotación de EPI, etc. 

 Responsábeis da federación mantiveron xa unha reunión coa dirección do estaleiro Paulino  Freire este xoves na que solicitaron datos reais do alcance do gromo detectado entre os  traballadores/as, ao tempo que se interesaron polas medidas preventivas que se ían aplicar e  trasladaron as propostas da central sindical.  

Comités de saúde laboral 

 Con anterioridade a esa xuntanza reunírase o comité de seguridade e saúde laboral do  estaleiro para avaliar a situación e consensuar as medidas necesarias para garantir a  seguridade dos operarios/as, encontro no que tamén participou a representación da CIG. 

 Como consecuencia do gromo, a estaleiro permanecerá pechado entre do 3 ao 8 de decembro, iniciándose os procesos descontaminación e aumentando a ventilación dos distintos espazos,  “así como procedéndose a un novo cribado do persoal contratado que permita a volta os  traballos o xoves 9 de decembro co persoal controlado por unha PCR”. 

 Ante o medre xeneralizado dos contaxios, na CIG-Industria consideran prioritario identificar os  casos reais rexistrados nos distintos estaleiros para levar a cabo unha actuación preventiva  “rápida e eficaz” que evite unha emerxencia sanitaria e a posíbel paralización dos traballos. 

 Finalmente, instan os comités de seguridade e saúde a estar vixilantes e a solicitar información dos distintos casos para reclamar a implantación de medidas preventivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario