Esta ponte festiva saborea o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
Do 4 ao 8 de decembro unha furgoneta de comida percorrerá Vigo, Ourense e A Coruña para dar a coñecer o potencial gastronómico e vitivinícola do territorio
Infogauda / O Baixo Miño
A enogastronomía do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño percorrerá Galicia durante esta ponte. Do sábado 4 ao mércores 8 unha furgoneta de comida visitará Vigo, Ourense e A Coruña en horario de 12.30 a 14.30 horas para dar a coñecer o potencial vitivinícola e a oferta gastronómica que posúe o territorio. Durante estes cinco días, o público poderá degustar as especialidades das comarcas mediante tapas de primeira calidade acompañadas dunha copa de viño.
A actividade arrancará no centro comercial Vialia de Vigo, onde estará os días 4 e 5 de decembro. Aquí, ademais da furgoneta de comida o público poderá desfrutar dun show de cociñado a través do que poderán coñecer de primeira man a elaboración de cada unha das tapas que se degustarán durante a ruta.
Os días 6 e 7 de decembro a furgoneta de comida trasladarase á rúa do Paseo de Ourense, para rematar o mércores 8 de decembro na Zona Marina-Parrote da Coruña. O Xeodestino porá fin á actividade na localidade coruñesa cun show de cociñado e cunha actuación musical dos cantantes da orquestra París de Noia.
Como complemento á actividade, en todos os espazos que visite estes días o Xeodestino haberá un punto de autofoto para que todas as persoas que acudan a desfrutar da gastronomía do territorio poidan sacarse unha foto coa tapa ou co viño e compartila nas redes sociais etiquetando ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño empregando a etiqueta #Nontevaiassenprobar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario