29 de dec. de 2021

PONTEAREAS

Ponteareas reclama á Xunta solucións para a crítica situación do Centro de Saúde e o PAC da vila 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, avisa que hai 7.500 persoas sen médico de familia asignado aos que se sumarán 1.500 máis a partir do día 31 


Casa do Concello de Ponteareas
Foto: C.P.

Infogauda / Ponteareas

 O Concello de Ponteareas, a través da súa alcaldesa e concelleira de Sanidade, Cristina Fernández Davila, reclama á Xunta a solución “da situación crítica e caótica que están a sufrir no Centro de Saúde e no PAC dende fai un meses”. “A situación é cada vez máis insostible e non están a atender as necesidades básicas de saúde das nosas veciñas e veciños”, avisa.  

 A rexedora informa que  “hai 7.500 persoas sen médico de familia asignado e que son atendidos polo servizo de urxencias ou por outros facultativos ou facultativas, cada vez un diferente. Situación que empeorará a partir do día 31 cando unha nova renuncia dun médico deixará a outras 1.500 persoas sen atención estable”.  

 Asemade, desde á Alcaldía indican que  “a falta de persoal, que en Nadal e en verán é aínda máis grave, con só un terzo da plantilla, provoca que a veciñanza de Ponteareas teña que enfrontarse a dificultades para contactar co persoal administrativo, para conseguir citas (incluso telefónicas), para consultas presenciais e para facer un seguimento e control de enfermidades crónicas, así como o desvío de probas solicitadas por especialistas ao centro de sede”.   

Único pediatra da comarca 

 A situación está a ser aínda máis críticas esta semana, xa que os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, O Covelo, As Neves, Arbo e A Cañiza non dispoñen de servizo de pediatría, polo que os e as pacientes son desprazados a Ponteareas, “o que aumenta carga de traballo a unha atención que xa está no seu límite”, denuncia a alcaldesa.  

 Cristina Fernández tamén lle lembrou ao Goberno galego que coa entrada en vigor do novo PXOM de Ponteareas xa existe a posibilidade real de dispoñer de terreos dotacionais para construír o novo Centro de Saúde. “Puxémonos a disposición da Consellería para reunirnos cos seus técnicos e poder avanzar con axilidade”, explica a alcaldesa.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario