O Rosal suspende a San Silvestre pola situación sanitaria do municipio
O Concello informa que ante a alta incidencia da Covid é mellor ser prudentes e anular a actividade
Infogauda / O Rosal
Pola alta incidencia de Covid no municipio e na Área Sanitaria de Vigo, o Concello do Rosal suspende a carreira San Silvestre que se ía celebrar este venres. A alcaldesa, Ánxela Fernández, afirma que “nos dá moita mágoa anular esta festa do deporte, pero é o que debemos facer por responsabilidade e pola saúde de todas as persoas que ían participar”.
A proba tivo unha gran aceptación e tiña moitas persoas inscritas, pero tendo en conta a actual situación epidemiolóxica e o carácter non só deportivo senón tamén lúdico da proba, “consideramos que é a decisión máis acertada”, afirmou a rexedora.
O Concello quere agradecer o traballo de todas as persoas que se esforzaron moito por sacar adiante, así como aos e ás deportistas que se apuntaron á carreira. “Agardamos desfrutar ao máximo da do ano que vén. Agora é tempo de coidarse para deixar o virus atrás”, afirma Ánxela Fernández, ao tempo que engade que seguirán planificando actividades sempre que sexa posible, coa máxima seguridade, respectando a normativa e priorizando a saúde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario