29 de dec. de 2021

O SALNÉS

Convocadas tres xornadas de folga en defensa do convenio  das conservas de peixe  

A última proposta do empresariado non garante o poder adquisitivo e non remata coa fenda salarial 


Os sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe -CIG, CCOO e UGT- acordaron  convocar tres xornadas de folga en defensa do convenio colectivo estatal

Foto: CIG

Infogauda / O Salnés

 Os sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe -CIG, CCOO e UGT- acordaron  convocar tres xornadas de folga en defensa do convenio colectivo estatal para os vindeiros días  21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro. Denuncian que a última proposta da patronal non garante o  poder adquisitivo dos cadros de persoal e non remata coa fenda salarial entre mulleres e homes. 

 Segundo explican dende a FGAMT-CIG do Salnés, a decisión foi adoptada tras comprobar que  as achegas do empresariado na última xuntanza celebrada este luns 27 non recollen as principais  reivindicacións das persoas traballadoras do sector. Diante disto, as centrais máis representativas  optaron por convocar tres días de folga de 24 horas. 

 Nesa reunión a patronal propuxo un incremento salarial do 2,30% para 2021, do 3% para 2022,  do 2% para 2023 e do 0,50% para 2024, subida que a CIG considera insuficiente xa que non se  garante o poder adquisitivo ao non contemplar unha revisión conforme ao IPC nin o cobro de  atrasos.  

 En canto á equiparación salarial dos grupos 5 e 6, pasouse de non contemplar ningunha subida  adicional para a categoría de auxiliar a unha nova proposta de incremento adicional dun 0,2%.  Para a CIG segue a ser insuficiente porque non remata coa fenda salarial entre as categorías  ocupadas maioritariamente por mulleres (produción) e as dos homes (oficios varios).  

 No que ten que ver coa xornada, a patronal desiste da súa intención de ampliar a xornada de luns  a domingo e tamén retira a proposta de que até un 75% do persoal puidera traballar os sábados  até as 14:00 horas. Ademais, aceptou a proposta da CIG de eliminar que a non utilización dos  EPI sexa considerada falta moi grave. 

 Tras a proposta da CIG de que o persoal teña unha licenza para acompañamento ao médico/a de  crianzas e persoas maiores a cargo, a patronal accedeu a que as 16 horas médicas actuais se  poidan usar tamén para este fin. Mais a central sindical insiste na necesidade de ampliar o tempo  de acompañamento, así como que as licenzas teñen que comezar a computarse ao seguinte día  laborábel ao feito causante. 

 Por todo isto, dende a central sindical anuncian que seguirán a traballar e a mobilizarse para conseguir un  convenio que non supoña unha perda de poder adquisitivo e que mellore os dereitos laborais do persoal  do sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario