15 de dec. de 2021

PATRIMONIO

O BNG pide declarar Ben de Interese Cultural as pesqueiras do río Miño nos concellos de Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra, proposta rexeitada polo PP   

· Xosé Luís Bará destaca o valor cultural e patrimonial das  pesqueiras ou pescos con construcións centenarias destinadas á pesca da lamprea principalmente, mais tamén á captura de salmón, anguía ou sabella  


 Xosé Luís Bará, deputado do Grupo Parlamentario do BNG no Parlamento galego

 Infogauda / Santiago de Compostela

 O deputado do BNG Xosé Luís Bará propuxo no Parlamento galego, iniciar o expediente  BIC das  pesqueiras do río Miño, situadas nos concellos de Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra, como Ben de Interese Cultural, ao abeiro do previsto na lei /2016 de patrimonio cultural, e desenvolver unha estratexia de conservación, restauración, promoción e dinamización das pesqueiras do río Miño, en colaboración coa AECT río Miño, cos concellos mencionados  e o tecido social relacionado co patrimonio e a actividade pesqueira.  

 A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo do Partido popular, postura que o deputado do BNG cualificou de “traizón” aos concellos que contan con este grande patrimonio cultural e aos colectivos que demandan a súa protección.  

 Bará explicou que o  río Miño constitúe un “espazo cultural, social, económico e ambiental de extraordinaria relevancia”. Unha grande parte do seu curso ao longo da provincia de Pontevedra, entre Crecente e A Guarda, foi clasificado como Rede Natura 2000, e conta tamén con valiosas mostras de patrimonio cultural material e inmaterial, compartido polas dúas beiras.  

 Unha das manifestacións máis senlleiras do patrimonio cultural do río, afirmou, son “as pesqueiras ou pescos, construcións centenarias destinadas á pesca da lamprea principalmente, mais tamén á captura de salmón, anguía ou sabella”  e a súa existencia   documentada dende o ano 1125 e explicou que as  pesqueiras son conxuntos formados por un ou máis muros  formados  por “sólidos bloques ciclópeos de granito resistentes á erosión, situados en posición inclinada ou paralela respecto do curso da auga, axeitándose á súa topografía rochosa” e un recurso económico para os ribeiráns.  

 A extracción de áridos e a construción de encoros modificou as características do río Miño afectando  ao seu aproveitamento piscícola e a  desaparición de parte das pesqueiras ou á perda da súa funcionalidade.   

 Na actualidade, dixo,  están rexistradas máis de 400, cunha  parte delas  utilizadas para a pesca e no concello de Arbo, 326 pesqueiras censadas, cun  30% que manteñen  a actividade.  

 Na década de 1970, explicou o Bará, como consecuencia da tramitación do aproveitamento hidroeléctrico internacional de Sela (Arbo), iniciouse un movemento de defensa das pesqueiras que tiña como obxectivo conseguir a súa “protección, recuperación e dinamización fronte á ameaza que supoñía o encoro”.   

 Como resultado da campaña iniciada a finais dos anos 70, no ano 1984 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta aproba o inicio do expediente para a declaración como conxunto histórico-artístico das pesqueiras do río Miño e no ano 2006, o parlamento galego  aprobou por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo BNG instando á Xunta a “iniciar, de novo, o expediente de declaración das pesqueiras do concello de Arbo como Ben de Interese Cultural, na categoría de lugar de interese etnográfico e promover  a protección legal para todas as pesqueiras situada no río Miño entre os concellos galegos de Crecente e Salvaterra”.   

 Na actualidade, as pesqueiras do río Miño gozan dunha protección individual básica a través da planificación urbanística dos concellos e da súa inclusión no Inventario do Patrimonio Cultural, pero para  evitar o proceso de deterioro, abandono e declive en que están sumidas é necesaria a “súa protección integral como Ben de Interese Cultural”.  

 Tras a intervención do portavoz popular que recoñeceu a necesidade da declaración BIC pero puntualizando que o  expedinte  non obriga á protección por parte da administración pública,  o deputado do BNG replicou que o PP “volve a poñer escusas de mal pagador” para negarse a declaración  BIC das pesquerias e coa súa votación en contra, impide  apoiar unha estratexia para o seu desenvolvemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario