3 de dec. de 2021

O ROSAL

O Rosal inaugurará o ecoparque do Sobreiral o vindeiro 8 de decembro cun magosto

Será unha xornada de convivencia e lecer aberta ao público que comezará ás 17.00 h

O Concello agradece a colaboración da U.D. Ribera, do Club Ciclista O Rosal, do Acanor Novás Valinox e da Agrupación Musical na organización desta celebración


O ecoparque do Sobreiral converterase nun lugar onde os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

     O Rosal está a piques de estrear o seu ecoparque do Sobreiral, un espazo verde no centro do municipio que combina natureza, lecer e inclusividade. Situado detrás do aparcamento de Xulio Sesto, no Calvario, o Concello organizará o vindeiro 8 de decembro un magosto en colaboración coa U.D. Ribera, o Club Ciclista O Rosal, o Acanor Novás Valinox e a Agrupación Musical do Rosal que servirá como acto inaugural.  

 Será unha xornada de convivencia e lecer aberta a toda a veciñanza que comezará ás 17.00 horas  e na que tamén participarán as canteiras das escolas deportivas e musicais rosaleiras. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao sábado 11 de decembro á mesma hora. 

 O ecoparque do Sobreiral converterase así nun lugar onde os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados no que se integran espazos destinados á primeira infancia con xogos sensoriais e de motricidade, unhas pequenas gradas para o desfrute da veciñanza, xogos tradicionais e xogos que fomentan a creatividade, especialmente de carácter musical vinculados co gran valor patrimonial que a música ten no municipio. 

 Un espazo de gran valor a tan só 50 metros da Praza do Calvario que será un pulmón de vitalidade para o centro do Rosal, pero tamén para todo o municipio, xa que non hai ningún espazo similar en toda a comarca”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora quere agradecer aos clubs e á agrupación a súa colaboración e implicación unha vez máis na actividade rosaleira e convida a toda a veciñanza a coñecer este novo espazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario