8 de dec. de 2021

CULTURA

 A Xunta de Galicia apoia a participación de sete galerías de arte en feiras e mercados nacionais e internacionais  

As entidades beneficiarias poden subvencionar os gastos correntes derivados da asistencia aos eventos e o aluguer dos espazos de exhibición, entre outros

Con cargo a estas axudas as beneficiarias asistiron a feiras en Madrid, Basel, Londres, Lisboa, Bruxelas e Singapur


Galería de arte
Foto. X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 Un total de sete galerías de arte benefícianse das axudas Xunta de Galicia para a participación en feiras e mercados do sector a nivel nacional e internacional, cunha subvención de ata 4.000€ por evento.

 Este é o terceiro ano consecutivo que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pon en marcha unha liña de subvencións específica para este tipo de proxección de eventos fóra da Comunidade, nesta ocasión dotada cun orzamento de 50.000 euros.

 A través desta medida -enmarcada no Plan de reactivación para o sector cultural da Xunta- no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 2.000 euros, mentres que a axuda será de 4.000€ se se trata de eventos internacionais. Con estas contías subvenciónanse os gastos correntes xerados pola asistencia á feira, festival ou mercado cultural, así como os dereitos ou cuotas de asistencia e aluguer de espazos de exhibición.

 Con cargo a estas axudas, as sete galerías beneficiarias participan nun total de dez feiras e mercados en Madrid, Basel, Londres, Lisboa, Bruxelas e Singapur.

Sector fundamental

 As galerías de arte constitúen un sector fundamental e contribúen a promover e difundir novos valores artísticos, tanto no resto de España como no estranxeiro máis alá da súa actividade comercial. Este labor de promoción realízano principalmente a través das feiras de arte, motivo polo cal a Administración autonómica puxo a disposición dos profesionais estas axudas coas que ademais de apoiar o traballo das galerías de arte se favorece a súa internacionalización e a proxección exterior da cultura galega. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario