13 de dec. de 2021

CULTURA

Os Bolechas saen de xira este Nadal co Crebanoces  

Un total de oito localidades galegas recibirán a tradicional visita dos Bolechas nestas datas tan especiais   

Desde o 18 de decembro ata o 4 de xaneiro Os Bolechas percorrerán oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística   

 

Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, na presentación da xira realizada no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela


Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 Este sábado, 18 de decembro, comeza a xira de Nadal dos Bolechas que os levará por oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A popular familia volve participar neste programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Gadis e coa Televisión de Galicia, cunha proposta teatral para toda a familia a cargo dos muppets, tal como indicou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, na presentación da xira realizada no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. García Gómez recordou un ano máis o gran labor desenvolvido polos Bolechas no uso da lingua galega en todas as contornas: familiar, de ocio, educativa etc. Asegurou que os Bolechas son “un referente” para as nenas e nenos de Galicia e tamén para as familias, polo que non poden faltar “na axenda de actividades infantís na nosa terra”.  

 Tamén o son para a Televisión de Galicia e para Gadis, entidades que colaboran coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para facer posible un ano máis esta xira. Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, asegurou que para a televisión galega é unha satisfacción ver o seguimento que teñen os Bolechas entre a cativada e que un produto galego e en galego sexa un referente para as nenas e nenos da nosa comunidade.  

 Iria Rodríguez, responsable de Relacións Públicas de Gadisa, e Román Roo, delegado territorial da compañía en Santiago, amosáronse moi felices de poder apoiar un ano máis esta xira que resulta sempre un auténtico éxito. Pola súa banda, o responsable de Edicións Bolanda, Antonio Couto, recordou que os Bolechas levan máis dunha década realizando espectáculos de Nadal por toda Galicia, polo que son “un referente que moitas familias e moitas nenas e nenos esperan cada ano con grande ilusión”. 



 

O crebanoces 

 Os Bolechas están a preparar a carta a Papá Noel pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes... Os Bolechas collen un crebanoces na cociña pero tampouco vale: agora trillan os dedos. Entón alguén chama á porta e aparece... un enorme crebanoces de nadal chegado directamente desde Alemaña para axudalos. Mais, ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Os Bolechas chaman ao 112 e a médica descobre que non é humano, é un boneco de corda, pero falta a chave para volver a activalo. Poderán os Bolechas recuperar o seu crebanoces de Nadal? 

Datas e lugares

18 de decembro -  CONCELLO DE SANTA COMBA

Auditorio do Edificio Multiusos

18:00 h

 

19 de decembro - CONCELLO DE VIMIANZO

Auditorio Municipal

18:30 h

 

23 de decembro - CONCELLO DE ABADÍN

Salón de actos da Casa do Concello

16:30 h

 

26 de decembro - CONCELLO DE VERÍN

Auditorio Municipal de Verín

18:00 h

 

29 de decembro - CONCELLO DE VIANA DO BOLO

Casa da Cultura

18:00 h

 

30 de decembro - CONCELLO DE NEGREIRA

Auditorio Centro Socio Cultural

18:00 h

 

2 de xaneiro - CONCELLO DE TRAZO

Centro Social Polivalente en Viaño Pequeno

17:00 h

 

4 de xaneiro - CONCELLO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ

Auditorio Municipal Cine Alvoli

18:00 h

Ningún comentario:

Publicar un comentario