COMUNICADO DO COLECTIVO DE TRABALLADORAS DA UAP DA GUARDA, O ROSAL E OIA
Como traballadoras dos Centros de Saúde da Guarda, Oia e o Rosal e do PAC da Guarda, manifestamos a nosa gratitude á veciñanza do Baixo Miño pola espectacular demostración de defensa da Sanidade Pública amosada nos últimos días. Unha mobilización inédita na nosa comarca no pasado martes 21 e unhas concentracións nos días 22 e 23 que son proba de que o voso compromiso é inquebrantábel. Sentimos un inmenso orgullo de traballar polo coidado da vosa saúde e ver como vós o facedes por coidar de quen vos coida. A Sanidade Pública é un dos nosos maiores tesouros e como tal, ten na poboación do Baixo Miño unha salvagarda férrea. Este é o camiño correcto, separadas poderán privarnos do máis básico, xuntas, seremos capaces de impedilo.
Agradecemos ás plataformas locais e veciñais da Guarda, Oia, o Rosal e Tomiño polo incansábel traballo realizado en prol da Sanidade Pública ao longo destes anos, así como estes días, que permite lograrmos fitos como os mencionados. Sen estas ferramentas, a Sanidade atoparíase nun estado de indefensión. Afortalemos pois, a unidade entre profesionais e usuarias, sigamos xuntando esforzos por defender o que é de todas.
Felicitámonos polo amplo seguimento da folga convocada da man de CIG-Saúde na Atención Primaria desta unidade. Desde o principio ao final, deixamos meridianamente claro que con este golpe na mesa, ao que nos abocan as políticas dos actuais xestores do Sergas, non pretendemos damnificar as nosas pacientes. Desculpámonos polos trastornos ocasionados, á par que agradecemos a comprensión que a práctica totalidade das nosas pacientes amosou para coa nosa loita, que non é só por unhas mellores condicións para nós, senón por unhas condicións dignas para atender á nosa poboación como o merece. Sen demoras, sen inequidades, sen abandonos. Atención Primaria accesíbel, xusta e de calidade para todas. Á altura do que a cidadanía do Baixo Miño merece.
Esiximos, pois, que a dirección de Atención Primaria e a xerencia da área de Vigo, así como a dirección do Sergas e o goberno da Xunta, tomen boa nota do clamor manifestado nas rúas da Guarda, nas rúas do Baixo Miño. Agora corresponde á administración actuar e dispor os recursos necesarios, a comezar polos Orzamentos, para garantir unha atención de calidade ás pacientes e unhas condicións dignas de traballo para as profesionais. Se pretenden continuar pola senda do desmantelamento, atoparán un berro unánime en defensa da Sanidade Pública e da Atención Primaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario