16 de nov. de 2021

VIGO

Ribera Salud acapara o reparto das listas de espera do SERGAS 

O Grupo Ribera Salud, propiedade da empresa americana Centene Corporation,  colle máis forza na Área Sanitaria de Vigo ao facerse coa metade do concurso  de lista de espera dos hospitais públicos da nosa área sanitaria. 

CIG-Saúde Comarca de Vigo 

 O SERGAS adxudica o concurso da lista de espera cirúrxica e de exploracións  complementarias e abre a porta a remitir á sanidade privada tamén consultas médicas e  urxencias. 

 O concurso está previsto para dous anos por un importe de 16,5 millóns de euros. 

 O modelo de concurso está deseñado para favorecer os intereses da multinacional máis  forte, que se financia nun 80% co concerto capitativo actual coa Consellería de Sanidade.  

 Deste xeito Ribera Povisa compite con outros hospitais privados, como Vithas Fátima en Vigo  ou Quirón en Pontevedra, co 80% dos gastos de persoal e de funcionamento xa pagados con  cartos públicos, beneficiándose dobremente dos seus contratos coa administración do  Partido Popular, trasladando de Valencia a Vigo o seu negocio, consistente en parasitar á  sanidade pública, incluso a costa de exercer competencia desleal con outros hospitais  privados. 

 Desde CIG-Saúde da comarca de Vigo denunciamos que os 16,5 millóns de euros terían que  ir dirixidos a reforzar as infraestruturas e os cadros de persoal dos centros públicos para que  puideran facer fronte á xestión das listas de espera e adaptaran a súa actividade ás  necesidades reais da cidadanía.  

 No canto disto óptase por reforzar o papel do grupo Ribera Salud, facendo depender aínda  máis a nosa asistencia sanitaria deste grupo privado que ten que renegociar no próximo ano  o seu concerto capitativo polo que atende a 130.000 persoas. 

 Dar entrada a este grupo no reparto das intervencións, exploracións complementarias e  posiblemente consultas, supón reforzalo na negociación do concerto, xa que non teremos  capacidade de atender todas esas necesidades sanitarias se Ribera Salud non consegue o  que pide polo concerto e decide marchar da nosa Área Sanitaria. 

Vigo, 16 de decembro de 2021 

CIG-Saúde Comarca de Vigo 

Ningún comentario:

Publicar un comentario