10 de nov. de 2021

VIGO

A CIG convoca unha manifestación en defensa do naval vigués e fai un chamamento a loitar polo futuro da comarca 

A marcha a pé arrincará este martes día 23 dende A Dobrada ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta 

 



Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria convocan unha manifestación en defensa do sector naval o vindeiro martes martes 23 de novembro, ao tempo que fan un chamamento a loitar  polo futuro da bisbarra. A marcha a pé arrincará dende A Dobrada ás 19:00 horas e rematará diante da  delegación da Xunta na cidade. 

 Na central sindical lembran que o naval é un sector estratéxico para Galiza e fundamental na comarca  de Vigo; un sector que dende finais do século XIX, xeración tras xeración, empregou a milleiros de  persoas traballadoras “porque os estaleiros son verdadeiros polígonos industriais que xeran postos de  traballo e riqueza”. 

 Mais dende hai anos esta industria atravesa unha profunda crise que a fixo perder 5.900 empregos, aos  que hai que sumar os postos de traballo indirectos, que ascenden a máis de 17.000. Na actualidade esta  crise ameaza mesmo con facer desaparecer o sector, coa “agonía” de Vulcano, co Porto de Vigo  dándolle “a estocada final”; ao que se engade a escasa actividade de Metalships e o abandono de  Barreras, tanto pola Administración central como pola autonómica, “relegando así a Galiza como líder  na construción naval do Estado español”. 

 Por iso na CIG consideran que as Administracións teñen que intervir decididamente como única  solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país.  “Hai que poñer en marcha a Mesa do Naval para a Ría de Vigo na que abordar as solucións reais que  aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector”. 

 Apostan por garantir a continuidade de Barreras como estaleiro punteiro a través do proceso de retorno  ao sector público. E no caso da antiga Vulcano, recuperar a actividade nas instalacións mantendo a  concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval. 

 E reclaman a conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e compañías  transformadoras do metal na Ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño, etc.  

 Así como a diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para  construír e garantir o financiamento para desenvolver os proxectos. “Ademais de afondar na formación  dos traballadores/as e na creación de condicións laborais dignas que garantan a continuidade dos postos  de traballo para recuperar os profesionais emigrados”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario