O Xeodestino une a empresas turísticas e sector primario para xerar sinerxías
Xa están abertas as inscricións para participar nun taller que se celebrará o 15 de novembro ás 19 h na Finca Remesal, de Tui
Infogauda / Tui
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos potenciar uns produtos turísticos diferenciados e de calidade. Neste camiño, o vindeiro luns 15 de novembro organizará unha xornada de traballo en rede co obxectivo de poñer en contacto ás diferentes empresas turísticas co sector primario dos 14 concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) de cara a impulsar sinerxías que faciliten a creación de novos produtos turísticos e a promoción do territorio como destino. O encontro será ás 19.00 horas na Finca Remesal, situada en Tui.
Neste taller, as empresas participantes terán aproximadamente unha hora na que poderán establecer contactos comerciais con outros operadores turísticos do xeodestino, favorecendo así as colaboracións. Tamén poderán achegarse ademais a outras empresas do sector primario, tentando abrir así espazos para artellar novas experiencias turísticas. Un encontro no que ir coñecéndose para crear alianzas que dean forma á Ría de Vigo e Baixo Miño como destino turístico. Tras o taller servirase un cóctel de degustación amenizado cunha actuación musical no que as persoas participantes poderán seguir intercambiando impresións.
As persoas e entidades interesadas en participar poderán inscribirse ou solicitar información chamando ao teléfono 635 814 728.
Ningún comentario:
Publicar un comentario