O Auditorio de Goián acollerá este sábado a presentación dos resultados do proxecto europeo PlaytoGrow!
O Concello de Tomiño compartiu con outros catro socios europeos dous anos de traballo para desenvolver as posibilidades formativas da educación musical
Infogauda / Tomiño
Construción de instrumentos con materiais reciclados, organización de campamentos musicais, concertos didácticos, obradoiros de improvisación musical, intercambios de instrumentos, espazos coworking, residencias para bandas de rock, unidades didácticas e un longo etcétera.
Son algúns dos proxectos que se presentarán este sábado, 13 de novembro, ás 13:00 horas, no Auditorio de Goián, dentro do acto de peche do proxecto Erasmus + “PlaytoGrow! Adquisición de valores e habilidades a través da música”, no que o Concello de Tomiño compartiu con outros 4 socios europeos, 2 anos de traballo para desenvolver as posibilidades formativas da educación musical. Mediante este innovador proxecto europeo, estudantes e profesorado da Escola de Música de Goián intercambiaron experiencias co Space Ensemble, a Escola de Rock de Paredes de Coura (Portugal) e a Fondazione Maria Ida Viglino per la cultura musicale do Val de Aosta, de Italia.
Nun coloquio con algúns dos protagonistas do proxecto presentaranse as conclusións, a información e os recursos dispoñibles para, por exemplo, organizar campamentos musicais formativos, innovar coa música ou promocionar e xestionar unha banda.
Ás 13h no Auditorio de Goián, comezará o coloquio con participantes no Play2Grow. A apertura estará a cargo de Sandra González, alcaldesa de Tomiño e haberá representantes do Space Ensemble, de Paredes de Coura e da Escola de Música de Goián. Para máis información sobre os diferentes traballos desenvoltos dentro deste proxecto, pódese consultar a páxina web do mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario