11 de nov. de 2021

DEPORTES

I Ciclocross Concello da Guarda 

Esta proba deportiva é puntuable na Copa Galicia de Ciclocross

• Terá lugar  o domingo día 14 de novembro, ás 9:30h da mañá, dende a Alameda da vila




Infogauda / A Guarda 

 Na xornada deste xoves día 11 de novembro de 2021 a Casa dos Alonso acolleu a presentación do I Ciclocross Concello de A Guarda, evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo día 14 de novembro, organizado polo Club Ciclista Insitu, que conta xa con preto de 30 deportistas federados nos seus 5 anos de andadura.

  

O circuíto comprende un tramo da rúa Rosalía de Castro, e outro da rúa Coruña, para a continuación acceder o campo de Fínola e ao antigo Estadio do Trega

Foto: Google


 Ás 9:30h da mañá arrancará esta proba deportiva que terá lugar entre a Alameda da vila, o interior do campo de Fínola e do antigo Estadio do Trega, cun circuíto preparado para a ocasión con 3 quilómetros de percorrido nos que os participantes se atoparán con diferentes tipos de obstáculos que deberán superar. A proba, que contará con preto de 400 participantes, desenvolverase por categorías dende os cadetes ata os másters, comezando polas categorías superiores.  

 Destacan coma atractivos que se realizará nun entorno urbano, polo que se convida a toda a veciñanza a achegarse para presenciar a proba deportiva e animar aos deportistas participantes, procedentes de toda a xeografía galega.   

 O ciclista local Jonatan Sousa afrontará esta proba co ánimo de defender o maillot de líder na súa categoría. 


O alcalde e a concelleira de deportes, con membros do Club Ciclista Insitu, na presentación do I Ciclocross Concello da Guarda 

Foto: C.A.G.

 No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, e representantes do club organizador desta primeira edición, que deron a coñecer os pormenores deste evento deportivo.   

 Para Antonio Lomba, resulta moi importante que un club local coma Insitu organice este tipo de eventos, promocionando un deporte que está a espertar moito interese e confía en que a proba se afiance nos vindeiros anos.  

 Mª Montserrat Magallanes valorou moi positivamente a iniciativa, engadindo que o “deporte é saúde”, polo que as probas deportivas sempre contarán co apoio do Concello de A Guarda.  

 Debido á celebración da proba as rúas Coruña e Rosalía de Castro terán limitacións de tráfico durante o transcurso do evento (entre ás 9:00 e ás 13:00h). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario