O Rosal acollerá este sábado o XXIII Trofeo Montes das Eiras de Ciclocross
O Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello organiza esta proba que forma parte da Copa Galicia
Foto: C.O. R.
Infogauda / O Rosal
O ciclocross volve este sábado aos montes do Rosal co XXIII Trofeo Montes das Eiras de Ciclocross. A proba forma parte da Copa Galicia e está organizada polo Club Ciclista do Rosal coa colaboración do Concello e é puntuable no ránking da Real Federación Española de Ciclismo.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, quere “dar os parabéns ao Club polos seus 40 anos de traxectoria e agradecer o seu esforzo por volver traer o ciclocross ás Eiras”. A rexedora destacou ademais a labor das persoas detrás do Club para “promover o deporte no Rosal, inculcando a nenas e a nenos o valor do esforzo, da paixón, da superación”.
Ánxela Fernández tamén quere mencionar a Comunidade de Montes das Eiras pola cesión do seu espazo para o trofeo e a súa dinamización da contorna da parroquia. Na proba participarán 250 deportistas de varias categorías. Ás 14.00 horas será a quenda dos cadetes, a continuación da elite, júnior e elite sub 23, logo os máster 50/60 e 30, e rematarán o trofeo os máster 40. Os gañadores das categorías elite recibirán ata 490 euros en premios.
No acto de presentación, ademais da alcaldesa do Rosal e o concelleiro de Deportes, Germán Ferndández, estiveron presentes o delegado de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, o presidente do Club Ciclista O Rosal, Gerardo Álvarez, xunto aos membros da directiva, Eva Lomba e Ramón Villa, e o seleccionador galego de ciclocross e técnico da Federación Galega de Ciclismo, Alberto del Río.
Ningún comentario:
Publicar un comentario