4 de nov. de 2021

OIA

O Concello de Oia adxudica a humanización e acondicionamento da contorna das Escolas de Loureza   

As obras teñen un importe total de 87.912,20 euros e realízanse ao abeiro do Plan Hurbe de humanización de espazos públicos


Antigas escolas e vivendas de mestres de Loureza
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia vén de adxudicar as obras de humanización da contorna das antigas escolas e vivendas de mestres de Loureza, unha actuación que pretende restaurar e acondicionar toda esta zona, mellorando a accesibilidade e aumentando o espazo para a veciñanza creando unha pequena praza de uso público.  

 Ao longo dos últimos anos, o Concello veu desenvolvendo diferentes actuacións de rehabilitación e mellora nos edificios das escolas e vivendas de mestres de Loureza, edificacións singulares e cunha arquitectura propia construídas nos anos 60 do pasado século. Actualmente as primeiras destínanse a usos socioculturais, mentres que os segundas téñense acondicionado como vivendas sociais.  

 A nova actuación en materia de humanización de espazos busca rematar co estado de abandono e degradación que actualmente sofren os terreos das proximidades destes dous inmobles, co obxectivo de crear un lugar de recreo e desfrute para toda a veciñanza.   

 Os traballos incluirán o acondicionamento do espazo a modo de praza pública con bancos, zonas de arborado, vexetación e céspede. Tamén se colocarán varandas de protección de aceiro e madeira en zonas de desnivel, alzarase un muro de contención e varios muretes de delimitación de propiedades e colocaranse pavimentos de formigón e xabre.  

 As obras teñen un importe total de 87.912,20 euros e realízanse ao abeiro do Plan Hurbe de humanización de espazos públicos. Así, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achega un 70% do importe dos traballos (a través das “subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes” concede un total de 61.538,54 euros, divididos en dúas anualidades: 36.258,51 euros en 2021 e 25.280,03 euros en 2022). A cantidade restante asúmea o Concello con recursos propios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario