4 de nov. de 2021

O ROSAL

O Concello desbroza a contorna dos muíños do Folón e do Picón   

A intervención mellora o acceso e a imaxe dun espazo de gran valor histórico  


Vista parcial do conxunto etnográfico dos muíños do Folón e do Picón
Fotos: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal acaba de rematar o desbroce da contorna dos muíños do Folón e do Picón para mellorar o acceso e a imaxe deste espazo de gran valor histórico e turístico. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que esta intervención responde “ao noso compromiso co mantemento do noso patrimonio histórico”. A rexedora tamén quere destacar “o gran traballo realizado polas traballadoras municipais”, xa que a intervención foi complicada polos taludes, polas pendentes da zona e polo desbroce selectivo que houbo que realizar para preservar determinadas especies vexetais. “Son indespensábeis para protexer e manter o noso patrimonio”, conclúe. 


Unha persoa realizando tarefas de desbroce na ruta dos muíños do Folón e do Picón

 O Concello anima á veciñanza e a visitantes a desfrutar da ruta dos muíños do Folón e do Picón que  transcorre a través de algo máis de 3 km de camiños nos que a paisaxe natural e o patrimonio etnográfico conviven nun harmonioso equilibrio. A conxunción destes dous elementos crea estampas de gran beleza onde os muíños aparecen agrupados e aliñados, en formación de fervenza, aproveitando a pendente das ladeiras da Groba. 

 O conxunto está composto por un total de 67 muíños hidráulicos dos séculos XVII e XVIII e conta coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu valor etnográfico. Os camiños desta ruta de sendeirismo homologada están repletos de sorpresas: as cruces, iniciais e outras marcas gravadas na pedra, nas paredes dos muíños ou nos seus arredores fálannos de como era a vida dos nosos devanceiros. Uns tempos nos que estas construcións funcionaban día e noite para moer o gran que alimentaba ás xentes do Rosal e doutras partes da comarca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario