30 de nov. de 2021

O ROSAL

O Rosal vivirá un Nadal cheo de propostas para todos os públicos  

A programación comezará este venres co acendido do alumeado ás 18.30 horas   

Durante a ponte da Constitución a veciñanza desfrutará dun mercado navideño, unha exposición fotográfica, un concerto e un contacontos  


Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, con Germán Fernández Rodríguez, concelleiro de Deportes, na presentación da programación de Nadal

Foto: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 O Nadal chegará ao Rosal cheo de actividades. O Concello acaba de presentar unha programación navideña con 17 propostas de ocio para maiores e pequenos, que comezará este venres ás 18.30 horas co acendido do alumeado en todo o municipio. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir ao grande un Nadal cheo de cultura, deporte e obradoiros para facer do noso concello un lugar mellor e máis sostible”, e agradece a todas as entidades que colaboran con nós para “vivir estas festas da mellor maneira”.  




 Xa coas luces postas, o sábado 4 ás 10.00 horas no salón de exposicións do Concello abrirá o mercado de Nadal con artesáns, artistas e pequeno comercio do Rosal. Durará ata o día 6 e terá un horario de 10.00 h a 13.00 h e de 17.00 h a 20.00 h. Nesa mesma mañá, ás 11.30 horas, tamén se lle dará a benvida a exposición fotográfica de Manuel Sobrino Senra (El Naturalista Cojo). Máis tarde, ás 17.00 horas, a Agrupación Musical do Rosal dará un concerto polo día de Santa Icía no Auditorio Municipal. 

 O luns 6 ás 17.00 horas os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar de “Dedas”, un espectáculo de contacontos que encherá de ledicia a Biblioteca Municipal. 

 O sábado 11 ás 19.00 horas volverá a música ao Auditorio Municipal co concerto de “Ecos do Nadal” por parte da coral Ecos do Folón, e as notas continuarán a resoar nas súas paredes o venres 17 ás 20.00 horas coas audicións de alumnado da Agrupación Musical do Rosal que, o sábado 18 ás 18.30 h, celebrará no mesmo lugar o festival de Nadal da súa escola. 

 O teatro tamén terá o seu oco no Auditorio o domingo 19 ás 18.00 h coa obra para maiores de cinco anos “Mentiras e verdades” de Teatro Arte Pingüe.  

 O deporte tamén será protagonista na programación. O mércores 22 e o xoves 23 o Pavillón Municipal acolle o X Trofeo O Rosal Handball Cup que organiza o Acanor Novás Valinox, e o venres 31 o Concello organiza a súa carreira San Silvestre, as inscricións poderán facerse na web municipal. 

 O Concello tamén prepara unha serie de obradoiros para acercar a reciclaxe e o sostibilidade á veciñanza. O mércores 15 na Escola Simón del Mazo os rosaleiros e rosaleiras poderán aprender a facer imprenta de xelatina, e os días 27, 28, 29 de decembro e 3 de xaneiro poderán asistir a unha serie de talleres no Espazo de Autoarranxo para aprender a reciclar cestas, cadernos, calcenecos e camisetas. Estes obradoiros son para persoas maiores de 12 anos e terán un custo de 2 euros por persoa. As inscricións serán a través da web do Concello. 

 Por último, e xa en xaneiro, o mércores día 5 os Reis Magos percorrerán todos os barrios pola mañá para rematar ás 17.00 horas na praza do Calvario, onde recibirán a todos os nenos e nenas que os queiran coñecer. Virán acompañados de música e dun grupo de xigantes infantís e marcharán cunha chocolatada para despedir o Nadal da maneira máis doce. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario