16 de nov. de 2021

O ROSAL

O Rosal organiza este venres un obradoiro de decoración de Nadal con materiais reciclados  

A actividade será ás 17.00 horas no Espazo de Autoarranxo, e as persoas interesadas poden inscribirse a través da web do Concello 

 





Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal organiza este venres ás 17.00 horas un obradoiro de decoración de Nadal con materiais reciclados no Espazo Autoarranxo, a carón do CPI Manuel Suárez Marquier. A actividade é de balde e as persoas interesadas deben inscribirse a través da web do Concello. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir a un obradoiro que “nos ensina a facer bonitos moitos materiais que xa non utilizamos na casa”, e que fai que O Rosal, “pasiño a pasiño”, continúe no seu camiño para converterse “nun concello máis sostible”.  

 O Concello tamén solicita que as persoas inscritas leven material para realizar o obradoiro. Poden ser cortizas, retais de tela (feltro, vaqueiro, de calquera prenda de la, con motivos de Nadal, etc), botóns de diferentes tamaños, noces, dúas ducias de pinzas de madeira (poden ser das que están moi vellas), algún abelorio, un pau de 30 cm aproximadamente e un tubo de papel hixiénico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario