A Xunta de Galicia apoia proxectos piloto de novos produtos e tecnoloxías en bodegas Terras Gauda e Comercializadora de Plantas de Galicia
O delegado territorial, Luis López, coñeceu a iniciativa de revalorización do bagazo para a obtención de vermicompost nunha visita á adega do Rosal, que recibíu unha achega de 100.000€ da Consellería do Medio Rural ao abeiro desta orde de axudas
O representante autonómico supervisou a ferramenta TIC de predición de stocks futuros no mercado das plantas ornamentais creada pola empresa de Tomiño, que contou cunha axuda de 100.000€ da Xunta, nun percorrido polas súas instalacións coa alcaldesa, Sandra González
O representante autonómico achegouse ata as instalacións da adega Terras Gauda no municipio do Rosal
Fotos: X.G.
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a apoiar o desenvolvemento de proxectos piloto de ámbito agroforestal para a creación de novos produtos, prácticas e tecnoloxías en varias empresas da provincia de Pontevedra, entre as que figuran Bodegas Terras Gauda e Comercializadora de Plantas de Galicia, ambas emprazadas na bisbarra do Baixo Miño.
Estas achegas, impulsadas dende a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), pertencen a un plan trianual 2019-2021, polo que o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, realizou esta mañá unha dobre visita a ambas empresas para coñecer estes proxectos ao seu remate.
En primeiro lugar, o representante autonómico achegouse ata as instalacións da adega Terras Gauda no municipio do Rosal, onde foi recibido polo vicepresidente desta industria, Antón Fonseca, o tenente de alcalde Germán Rodríguez e outros directivos. Alí coñeceu a súa iniciativa de revalorización do bagazo para a obtención de vermicompost no marco dunha situación de economía circular no sector agroalimentario. Este proxecto piloto dispuxo dunha achega de 100.000 euros e contou, coma toda esta orde de axudas, co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
O delegado territorial coñeceu tamén o centro loxístico da empresa Comercializadora de Plantas de Galicia
A continuación, Luis López desprazouse ata o Concello de Tomiño para supervisar, na compaña da alcaldesa, Sandra González, a ferramenta MS&Plants, un procedemento TIC baseado na intelixencia de mercado e orientado á predición de stocks futuros no sector das plantas ornamentais. O delegado territorial coñeceu tamén o centro loxístico desta empresa co seu director-xerente e presidente da Asociación Española de Comercializadores de Planta Ornamental, Emilio Estévez, e coa presidenta da Asociación de Cultivadores do Baixo Miño, Mariví Álvarez, que tamén é socia de Viveiros Río Tollo, ata onde se desprazou a continuación a comitiva para visitalo, posto que se trata do principal centro de produción da planta ornamental de toda a comunidade galega.
Ao igual que no caso anterior, a empresa Comercializadora de Plantas de Galicia recibíu unha axuda de 100.000 euros da Xunta de Galicia, en tres anualidades, para a execución desta iniciativa piloto.
“As accións de innovación están moi presentes, e cada vez máis, no noso sector agrogandeiro, que é punteiro e líder e quere seguir na vangarda con novos produtos, prácticas e tecnoloxías. Por elo, a Consellería do Medio Rural, e tamén outros departamentos da Xunta, respaldan e colaboran con esta modernización en toda a provincia pero, especialmente, nunha zona cun forte peso dos sectores agroforestal e hortofruticultor como o Baixo Miño”, explicou o representante autonómico, que agradeceu a Bodegas Terras Gauda e a Comercializadora de Plantas de Galicia “a súa constante ilusión por mellorar, o seu talento e traballo para innovar e o seu compromiso coa nosa comunidade para seguir medrando e contribuíndo ao progreso do noso campo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario