18 de nov. de 2021

A GUARDA

A Guarda galardoada con tres Flores de Honra 

No certame Vilas en Flor 2021 


O alcalde e a concelleira de Medio Ambiente co galardón outorgado ao Concello de A Guarda no certame Vilas en Flor
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda participou na mañá de onte mércores en Allariz, no acto de entrega de premios do certame Vilas en Flor, que recoñece o labor na xestión de zonas verdes dos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes.  


Mª Montserrat Magallanes no momento de recibir o diploma acreditativo das tres Flores de Honra 

 A Guarda participa por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa posta en marcha pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) e que avalía a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos. Nesta ocasión, a concelleira de Medio Ambiente, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero recolleron o galardón de tres Flores de Honra, unha flor máis que nas anteriores edicións de 2019 e 2020.  

 A valoración baseouse no informe remitido polo propio concello no que se avalía, entre outros, o patrimonio vexetal e paisaxístico; os espazos verdes urbanos; parques e xardíns; a relación entre espazos naturais e número de habitantes; a xestión da auga ou as actividades, turismo e comunicación nesta materia.   

 A maiores, o xurado de Vilas en Flor realiza unha visita de inspección na que percorre algunhas das localizacións máis destacados co obxectivo de coñecer de primeira man os avances do municipio en materia medioambiental e paisaxística.  

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, manifestou que "este recoñecemento é froito do gran esforzo realizado polos diferentes servizos municipais e empresas encargadas do mantemento de espazos públicos e xardíns municipais, en colaboración coa cidadanía guardesa, nunha aposta decidida pola mellora destes espazos e a súa posta en valor", facendo fincapé tamén "na concienciación cidadá para manter A Guarda limpa e embelecer a nosa contorna".

Ningún comentario:

Publicar un comentario