30 de nov. de 2021

MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA

O AECT RIO MINHO ALERTA DUN “EFECTO ESPANTADA” DA FRONTEIRA MIÑOTA   

O vicedirector Uxío Benítez lamenta a confusión xeralizada polo goberno portugués, que aínda agora non aclara oficialmente a situación para a cidadanía ante a próxima ponte  


Uxío Benítez Fernández, vicedirector do AECT Rio Minho
Foto: D.PO.

Infogauda / O Baixo Miño

 O AECT Rio Minho, da man do seu vicedirector Uxío Benítez Fernández, alertou hoxe dun “efecto espantada” da fronteira do Miño tras os vaivéns de Portugal ao esixir test negativos ás persoas que entren no país luso por estrada. Segundo o nacionalista, a confusión xeralizada pode xerar unha retracción de movemento da cidadanía xeral que terá efectos económicos sobre todo no comercio e na hostalería do territorio miñoto, dous sectores que comezaban a entrar en fase de recuperación, ás portas dunha ponte.  

 “Non temos dúbidas de que a decisión de Portugal repercutirá para mal economicamente no noso territorio, e temos claro tamén que as medidas simbólicas de esixir o test–de efectivizarse finalmente- non son a solución para a mellora da situación da pandemia”, dixo.  

 Benítez apuntou que hai aínda moita ambigüidade e inseguridade a pesares dos despachos do Diario da República suavizando os requirimentos para a entrada por vía terrestre para as persoas traballadoras transfronteirizas -que exercen a súa actividade profesional ata 30 quilómetros da fronteira- e dos escritos indicando que  nestes momentos a incidencia da pandemia é de risco intermedio e polo tanto permítese cruzar a fronteira a toda persoa que teña certificado COVID da UE.  

 O nacionalista solicitou que o Goberno portugués aclare sen ambaxes os termos dos requirimentos para cruzar a raia, xa que afectarán tanto a vida social cotiá da cidadanía e a súa vida laboral. “Hai moitas persoas galegas que tiñan pensado viaxar a Portugal nesta ponte. Estamos a falar dun movemento moi grande de visitantes que probablemente estean a reconsiderar a súa decisión porque non teñen as cousas claras”, salientou. 

 Todas estas cuestións van ser abordadas hoxe no Consello de Coordinación do AECT, no que moi probablemente se aprobará unha declaración institucional dos concellos e cámaras afectados. Entre algunhas das cuestións que se abordarán estará a esixencia de que se teña en conta aos axentes da realidade local á hora de tomar decisións sobre as fronteiras e a necesaria activación inmediata dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario