15 de nov. de 2021

LABORAL

A CIG convoca mobilizacións ante a falta de acordo no  convenio estatal das conservas de peixe 

A patronal do sector segue a propoñer unha subida salarial que a  central sindical considera “inasumíbel e intolerábel” 

Infogauda / Galiza

 A CIG anunciou hoxe a convocatoria de mobilizacións no sector das conservas de peixe ante a falta  de acordo na negociación do convenio estatal. Nun primeiro momento desenvolverá concentracións  este mércores 17 ás 12:00 horas diante de todas as empresas que participan na mesa de negociación, sen descartar unha posterior convocatoria de folga. 

EMPRESAS NAS QUE TERÁN LUGAR AS MOBILIZACIÓNS: 

- Cefrico (Vilagarcía); Bolton Food (O Grove); Albo (Vigo); Frinsa (Ribeira); e Calvo (Carballo). 

 Responsábeis da FGAMT-CIG do Salnés compareceron este mediodía en rolda de prensa para  explicar o contido das xuntanzas da mesa de negociación do convenio que tiveron lugar en Madrid  os pasados días 10 e 11 de novembro. Segundo denunciaron, nestas reunións a patronal non deu  pasos significativos que permitan sequera albiscar a posibilidade dun acordo, polo que a central  sindical opta por convocar protestas. 

 En primeiro lugar, por que o empresariado teima nun convenio para cinco anos sobre a base de  incrementar os salarios un 1,5% no 2021; un 1,75% en 2022; un 1,5% no 2023; un 1,25% en 2024;  e un 1% no 2025, “coa gravidade engadida de que non inclúen cláusula de revisión anual de IPC  real, polo que tendo en conta que o IPC do 2021 xa supera o 5,4% a proposta de incremento salarial  é inasumíbel e intolerábel”. 

 A CIG reitera a súa postura firme de non asinar ningún acordo de incremento salarial inferior o IPC  real de cada ano, “pois non pode ser que sexan as persoas traballadoras as que asuman perda de  poder adquisitivo ao tempo que as empresas do sector aumenten beneficios polo incremento das  ventas”.  

 O empresariado insiste tamén en distribuír a xornada de luns a domingo. “Esta proposta é unha  barbaridade, un despropósito que supón recuar en dereitos consolidados”. Por iso dende a central  sindical queren deixar moi claro que a ordenación da xornada laboral non estará en xogo mentres  teñan representación na mesa de negociación, “pois afrontamos a negociación do convenio para  acadarmos mellores condicións laborais e non para entregarlle dereitos á patronal”.  

 Outra proposta da patronal ten que ver coa creación dunha cuarta quenda para novas contratacións  para as fins de semana e festivos. “Esta cuestión si que pode debaterse nas nosas asembleas para  valorar algunha proposta neste sentido que repercuta na creación emprego.  

 Ao mesmo tempo, na CIG lamentan que o empresariado non vexa discriminación salarial por razón  de xénero entre as categorías do grupo 5 (fabricación) a as do grupo 6 (oficios varios). “Isto  chámase cegueira interesada, pois a diferenza é clara”. Pese a isto propón un incremento salarial  adicional para algunhas categorías do grupo 5: para oficial de 2ª un 0,4%, para oficial de 1ª un 0,6% é para a categoría de mestra propoñen un incremento adicional do 0,8%.  

 “Pero sorprendentemente non propoñen ningún incremento salarial adicional para a categoría de  auxiliar, que é a que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior”, censuran. A mesa de negociación volverá a reunirse en Madrid os vindeiros días 30 de novembro e 1 de  decembro. Por iso a CIG aposta por levar a cabo as mobilizacións acordadas na asemblea de  delegadas/os sindicais do sector “co obxectivo de deixarlle claro ao resto da mesa que a loita é o  único camiño para conseguir un convenio xusto para o sector das conservas de peixe”.  

 Finalmente, adiantan que despois destas protestas elaborarán un calendario con novas  mobilizacións, sen descartar unha convocatoria de folga

Ningún comentario:

Publicar un comentario