15 de nov. de 2021

PONTEAREAS

A subdelegada indicou que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra permanece a enteira disposición do Concello de Ponteareas e da súa veciñanza  

Maica Larriba recalca o compromiso do Goberno cos proxectos viarios de Ponteareas  

· Lembra que tanto a reforma da N-120 como a construción da variante da A-52 “seguen dando pasos na súa tramitación, con máis avances nos últimos tres anos que en etapas enteiras de goberno anteriores” 

Infogauda / Ponteareas

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recordou hoxe o compromiso firme do Goberno cos proxectos viarios de impulso estatal no Concello de Ponteareas. Nesta liña subliñou que tanto a mellora da seguridade viaria na N-120 como o proxecto da variante entre esta estrada e a A-52 “seguen dando pasos na súa tramitación administrativa e viviron máis avances nos últimos tres anos que en etapas completas de gobernos anteriores”. 

 Así, en canto ao proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria da N-120, Maica Larriba lembrou que se trata dunha ambiciosa actuación presentada ante a veciñanza antes incluso de ser proxectada en outubro de 2020. “Actualmente - sinalou a subdelegada - o proxecto está a seguir os correspondentes trámites de supervisión por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), previo á súa exposición pública que, segundo nos traslada o propio Ministerio, se producirá no período de tempo máis breve posible”.  

 Con respecto ao novo viario de conexión entre a A-52 e a N-120, a subdelegada do Goberno recordou que o MITMA xa ten presentado o denominado documento de alcance, que contempla varias propostas de actuación co obxectivo de que as diferentes administracións implicadas ofrezan as súas respostas ás consultas realizadas para valorar o grado de avaliación ambiental que deberá seguir a execución desta infraestrutura.  

 Maica Larriba incidiu en que de todos estes avances se foron trasladando de maneira detallada ao Concello de Ponteareas no marco dun modelo de relación constante entre administracións. A subdelegada insistiu en que o compromiso do Goberno con estas demandas históricas de Ponteareas “é total e queda plasmado nos progresos reais conseguidos en menos de tres anos tras moitos tempo de espera”. “Actualmente -  engadiu - xa temos enriba da mesa un proxecto de mellora para a N-120 e un documento de alcance para a construción da nova variante moi necesaria para desconxestionar o  intenso tráfico que hai entre Ponteareas e a área metropolitana de Vigo”.  

 Maica Larriba recalcou que desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra se continúa traballando en ámbolos proxectos de maneira coordinada co MITMA e que toda a documentación existente se foi trasladando debidamente ao Concello. Así mesmo, recordou que o contacto coa alcaldesa de Ponteareas “é constante e fluído” e que toda a información dispoñible sobre as infraestruturas “tamén foi posta no seu coñecemento de maneira directa, tanto por escrito como telefonicamente, porque entendemos que o Concello debe ser o máximo interlocutor entre a veciñanza e as demais administracións”.   

 Por último, Maica Larriba incidiu en que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra “permanece a enteira disposición do Concello e da veciñanza de Ponteareas para escoitar as súas e demandas, para favorecer a coordinación entre administracións e para dar traslado de todos os avances que se vaian producindo sobre estas dúas reclamacións históricas relativas a infraestruturas viarias”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario