O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal asistiu hoxe á XXVI Festa da castaña e do cogomelo de Riós
A Xunta de Galicia impulsará en 2022 unha nova liña de axudas por un importe de 4,5 M€ para fomentar a plantación de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais
José Luis Chan puxo de relevo este investimento previsto nos orzamentos do ano que vén, así como o Plan de recuperación de soutos tradicionais que actuará en Riós e noutros 44 concellos galegos para poñer en valor ata 2.000 hectáreas deica o 2025
Tamén se referiu á Unidade Técnica do Souto que traballará na xeración de planta adecuada para o desenvolvemento deste sector estratéxico ou ás actuacións do Goberno galego para combater doenzas como a avespiña ou o chancro do castiñeiro
Infogauda / Riós (Ourense)
Os orzamentos da Xunta de Galicia do ano que vén contemplan unha nova liña de axudas que destinará 4,5 millóns de euros a fomentar as plantacións de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais. Así o destacou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que -acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- asistiu hoxe á XXVI Festa da castaña e do cogomelo de Riós, onde puxo de relevo -ademais- que esta localidade ourensá é unha das 45 seleccionadas en toda a comunidade para poñer en valor ata 2.000 hectáreas de soutos tradicionais deica o ano 2025, no marco do Plan Forestal de Galicia e da Lei de recuperación da terra agraria.
A maiores, o director xeral apuntou que a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” establece, no caso concreto do castiñeiro, a creación de novas superficies de soutos para a produción principal de castaña, dende as 3.500 ha no primeiro quinquenio ata un total de 8.000 hectáreas en 20 anos. Así mesmo, aposta por novas superficies de soutos para a produción principal de madeira: 2.000 ha ata o ano 2025 e 8.000 ha deica o horizonte do 2040. Mirando ao 2025, tamén se contempla ter elaborado ese ano o Plan estratéxico do castiñeiro de Galicia.
Neste contexto, José Luis Chan afirmou que a Xunta seguirá apostando tamén pola Unidade Técnica do Souto, cuxas liñas prioritarias son o deseño, a planificación, a execución, o seguimento e o control de cara á xeración de planta adecuada para o desenvolvemento deste sector estratéxico. Nesa liña, quixo lembrar que o Goberno galego leva anos actuando contra as doenzas que afectan esta especie, para minimizar o seu impacto na produción de froito ou de madeira. Así, para combater a avespiña do castiñeiro, este 2021 investíronse máis de 2,2 millóns de euros na solta de preto de 1,6 millóns de exemplares de Torymus sinensis, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas. En relación co chancro, a Consellería do Medio Rural destinará entre este ano e o que vén máis de 635.000 euros para loitar contra esta doenza mediante a inoculación de 32.000 pés desta árbore na nosa comunidade.
Canto ao valor económico do sector, cómpre resaltar que a produción de castaña, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos en Galicia, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado este produto.
No que se refire aos cogomelos, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal fixo fincapé en que o Plan Forestal aposta por este e outros aproveitamentos forestais de cara a promover a multifuncionalidade dos montes da nosa comunidade. Nese senso, puxo en valor que Galicia conta cunha regulación específica para este tipo de aproveitamentos, a través dun decreto publicado en maio do 2020. Esta norma, dixo, contribúe ao fomento deste recurso e facilita tamén as accións de formación e investigación, para impulsalo ben como actividade principal ben como actividade complementaria que contribúa a aumentar o nivel de renda no rural.
Cómpre engadir que o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, recibiu a Castaña de ouro nesta XXVI Festa da castaña e do cogomelo de Riós, recoñecemento que recaera no conselleiro do Medio Rural, José González, na edición de 2019.
Ningún comentario:
Publicar un comentario