O TRAIL DO TREGA CUMPRIRÁ A SÚA OITAVA EDICIÓN, DANDO UN PASO MÁIS CARA A “NORMALIDADE”
A carreira guardesa poñerá o punto e final á Pontevedra Trail League que se celebrou neste ano 2021.
Infogauda / A Guarda
A praza do Reloxo, fronte á Casa do Concello de A Guarda, foi ao mediodía de hoxe, o escenario da presentación da VIII edición do Trail do Trega. A ela asistiron o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; a concelleira de Deportes de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes; e o director da carreira, Serafín Martínez, da empresa Noko 360, organizadora do evento.
Serafín Martínez destacou a “consolidación desta proba, que vai pola súa oitava edición” cun aumento significativo de atletas cada ano, xa que “a día de hoxe, e faltando un día para o peche de inscricións, superamos os 450 participantes”.
Martínez tamén fixo mención á “contorna única do Trail do Trega, un dos lugares máis visitados de Galicia.”
Sobre o percorrido mencionou que “sempre gustou aos corredores, a pesar de que non se poden facer demasiadas modificacións cada ano xa que o monte é o que é”.
Pola súa banda, na súa intervención, Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes, fixo referencia aos “tres trails, que con este, celebrábanse este ano no Baixo Miño, destacando o seu valor paisaxístico”, destacando a aposta da Deputación de Pontevedra polo deporte, sumado á visita a lugares tan emblemáticos da provincia. Agradeceu ademais, que “empresas como Noko 360, apostasen por eventos nun ano tan complicado como este, no que a organización se fai aínda máis difícil por todos os protocolos que conleva a loita contra o Covid-19”.
Pechou o acto, Mª Montserrat Magallanes, desculpando en primeiro lugar a ausencia do alcalde, Antonio Lomba, que se “atopaba precisamente na Deputación tentando traer máis fondos para A Guarda”.
En canto ao Trail, Magallanes salientou que se celebrará no “buque insignia do Concello, como é o Monte Santa Trega, cos seus castros e espectaculares vistas”, e animou á xente para acudir este domingo, xa que “se fixo un pacto para que nesta zona de Galicia, mantivésense estes espectaculares días de sol”.
Compre lembrar que a carreira dará inicio ás 10.30 horas desde a Alameda de A Guarda, para realizar un percorrido de 15 kms, con 800 metros de desnivel.
As inscricións para participar no Trail do Trega, pecharanse ás 23.59 horas de mañá mércores. Os que o desexen ainda poden anotarse en www.traildotrega.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario