9 de nov. de 2021

CULTURA

Escritoras e editoras galegas publican o "Manifesto de Soutomaior" e lanzan un plan de acción para rachar coa desigualdade no mundo literario 

O documento asinado esta pasada madrugada inclúe as reivindicacións de 16 mulleres das letras, da cultura e da política adoptadas tralo "Encontro de Escritoras" promovido pola Deputación de Pontevedra no Castelo de Soutomaior


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á presidenta da asociación "Clásicas y Modernas", Fátima Anllo, e a deputada de Cultura, Victoria Alonso, cun grupo de autoras e editoras, asinantes do "Manifesto de Soutomaior"

Foto: D.PO.


Infogauda / Soutomaior

 Ata doce decisións, "que serán o motor de traballo futuro para conseguir a igualdade", foron adoptadas esta pasada madrugada por un nutrido grupo de mulleres, autoras e editoras galegas xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e á presidenta da asociación "Clásicas y Modernas", Fátima Anllo, para facer fronte á desigualdade no mundo literario. O "Manifesto de Soutomaior", como así se chama o documento asinado polas 16 mulleres e que toma como exemplo o modelo do manifesto "Seneca Falls" do século XIX, inclúe a denuncia das diferentes situacións de desigualdade no mundo da escrita e propón todo un Plan de Acción para rachar con ela. O documento, que recolle todas as reivindicacións, será remitido de forma inmediata á Xunta de Galicia, aos grupos parlamentarios e á Fegamp para que o faga chegar aos concellos galegos, así como ao sector da cultura para que sexa asinado por todas as mulleres creadoras nos diferentes eidos e os homes que se queiran sumar.

 O "Manifesto de Soutomaior" foi subscrito polas escritoras Edurne Baines, Isabel Blanco, Mariana Carballal, Silvia Cernadas, Ledicia Costas, Mercedes Corbillón, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas, Aratnza Portabales, Elvira Ribeiro e Regina Vega, amais de Carmela Silva, Fátima Anllo e Victoria Alonso. Todas elas, que participaron no Encontro do Castelo, coinciden en que "século e medio despois, a discriminación das mulleres continúa en todos os espazos públicos e privados (…). No mundo editorial e literario galego a situación das autoras e editoras é, aínda, desalentadora". Ao respecto, as mulleres asinantes fan referencia a que soamente 6 mulleres ocupan unha das 30 cadeiras da Real Academia Galega, que en toda a historia da Real Academia Española soamente 11 mulleres foron académicas ou que só 6 mulleres foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas fronte a 56 homes. Tamén manifestan que as autoras obteñen menos premios que os homes, que existe unha ausencia case total de mulleres críticas literarias que ocupan espazos relevantes de opinión e que moi poucas chegan a postos de dirección e liderado nas grandes editoriais galegas ou en organismos públicos culturais. Precisamente destes datos, que serven de contexto da desigualdade nas letras, parte a denuncia que formulan as mulleres e que xira arredor da escasa representación nos xurados do principais concursos literarios e de dramaturxia, na Real Academia Galega, no Día das Letras Galegas, nos libros de texto de colexios, institutos e universidades, nas antoloxías de diversos xéneros, nas recensións críticas, nos suplementos culturais, nos espazos de opinión ou en actos e actividades culturais relacionadas coa literatura.  

Un Plan con doce liñas de acción e un Observatorio de Seguimento

 Fronte á inxusta situación das mulleres na escrita, as asinantes do "Manifesto de Soutomaior" formulan doce liñas de acción para rachar contra a desigualdade. Entre elas atópanse esixir que se cumpra o artigo 26 do capítulo 2 da Lei de Igualdade relativo ao fomento da igualdade na creación e produción artística e intelectual e a súa difusión; reclamar paridade nos xurados dos premios literarios que se realicen en Galicia por institucións públicas e privadas e tamén nas edicións de antoloxías; esixir a inclusión obrigatoria de escritoras galegas e as súas obras nos plans de estudo de colexios, institutos e universidades galegas, así como o recoñecemento das obras de escritoras galegas e da súa traxectoria mediante premios, homenaxes, adxudicación de nomes de rúas e creación de monumentos e esculturas.  

 Tamén reclaman que as cadeiras da Real Academia Galega sexan ocupadas por mulleres nos vindeiros dez anos; e esixen da mesma forma que nos próximos dez anos o Día das Letras Galegas homenaxee a mulleres. Igualmente, demandan a incorporación de novos contidos curriculares en todas as etapas educativas; reclaman a participación de mulleres nas recensións críticas e incentivar a crítica literaria realizada por mulleres; fomentar a venda de libros escritos por mulleres e a visibilización de autoras e editoras coa presentacións da  súa obra en espazos públicos e privados, así como revisar o canon literario de forma permanente.  

 As asinantes do documento anunciaron a creación dun Observatorio para o seguimento das reclamacións e avaliación das medidas, e a posta en marcha dun novo encontro no próximo mes de xaneiro para definir pautas de traballo e un calendario de reunións trimestrais. Tamén se confirmou a organización dunha ambiciosa acción coa Asociación Clásicas e Modernas para a posta en valor da figura de María Vinyals e o que significa no ámbito de lexitimación das mulleres da cultura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario