Continua a programación de Outono 2021
Coa innovadora proposta teatral Illas Desertas, da compañía Artesa&Cía.
• A peza de teatro contempóraneo buscará a interacción do público mediante a instalación dunha aplicación nos teléfonos móbiles
Infogauda / A Guarda
Este venres 19 de novembro volve o teatro ao Centro Cultural de A Guarda. Será da man dunha función de teatro contemporáneo que buscará provocar a reflexión no espectador sobre os valores que nos rodean neste mundo competitivo onde parece que todo ten que ser éxitoso ou produtivo, esquecéndonos moitas veces da importancia da travesía, da experiencia da ilusión por percorrer un camiño. Ou como din os propios artistas da utilidade do inútil.
A obra achéganos unha estética e linguaxe diferente ao que estamos habituados, servíndose do movemento, das voces en off, da realización de cinema en directo, da interpretación, do son, da resignificación poética dos obxectos, da construción de maquetas e do traballo con máscaras, xerando paisaxes escénicas cunha enorme carga poética, salpicados das experiencias e reflexións de dous aventureiros: a aviadora Amelia Earhart e o explorador Ernest Shackleton. Como contrapunto a obra busca a interacción cos espectadores que deberán instalarse unha aplicación coa que participarán activamente no texto e devir da función.
A produción a cargo da compañía de teatro Artesa&Cía., especializada en montaxes transmedia e que xa estivo na Guarda coa anterior produción “Chola a it girl”, foi estreada o pasado mes de marzo no Teatro Municipal de Tui e contou entre outras coa colaboración de La Fura dels Baus. Contará coa intervención de Laura Villaverde e Roi Fernández como intérpretes e operador de cámara, e Susana Méndez aos mandos técnicos.
Esta función forma parte do programa Tornar ás Táboas da Deputación de Pontevedra, co que o ente provincial apoia a programación de obras teatrais nos concellos da provincia no ano 2021.
Para asistir é preciso reservar a localidade na plataforma eventbrite.es e descargarse gratuitamente a aplicación Kalliope na tenda - segundo o sistema operativo que empregue o móbil de cada usuaria/o - de:
Android
https://play.google.com/store/apps/details?Id=com.pangea.kalliope&hl=es_419
iOS:
Ningún comentario:
Publicar un comentario