6 de out. de 2021

LABORAL

Persoal de IKF e delegados/as da CIG mobilízanse en  Vigo para forzar a intervención da Xunta no conflito 

Os traballadores/as da empresa con sede nas Cachadas (A Guarda), levan 32  días de folga solidaria contra a dobre escala salarial 

 

A concentración ás portas da delegación do Goberno autonómico na cidade desenvolveuse  entre as 11:00 e as 13:00 horas

Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 O cadro de persoal de  Imerys Kiln Furniture España S.A. (IKF), empresa de As Cachadas (A Guarda) que fabrica materiais refractarios, mobilizáronse hoxe diante da Xunta en Vigo xunto a delegados/as da CIG para reclamar a  intervención do Goberno galego no conflito laboral. Os traballadores/as levan 32 días de folga  para rexeitar a dobre escala salarial que a compañía pretende prolongar no tempo, e en  defensa das súas condicións laborais. 

 A concentración ás portas da delegación do Goberno autonómico na cidade desenvolveuse  entre as 11:00 e as 13:00 horas, tempo no que os afectados/as despregaron unha faixa na que  se podía ler “Pola defensa dos nosos dereitos. Non máis retrocesos sociais. IKF en folga” e  berraron consignas como “A igual traballo igual salario”, “IKF escoita estamos en loita” ou  “Non somos escravos somos traballadores”. 




 Con esta protesta pretenden forzar a Xunta a intervir nun conflito que manteñen coa dirección da transnacional francesa dende o mes de xullo. Neste senso solicitaron unha reunión coa delegada autonómica, mais continúan á espera de resposta. 




 O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que participou na mobilización,  tomou a palabra para deixar moi claro que a loita do persoal de IKF “é un orgullo para toda a  central sindical” e salientou a unidade dos traballadores/as para manter “unha folga heroica”  que amosa “o mellor que temos a clase traballadora, que é a solidariedade de clase”. 

 Ao mesmo tempo lembrou que “aínda que IKF é unha empresa privada, a Xunta ten plenas  competencias en materia industrial, polo que lles esixiu aos responsábeis autonómicos que a  exerzan. Neste senso criticou a súa inacción, ao igual que a da propia Inspección de Traballo”. 

 Aproveitou para cargar contra as reformas laborais de PSOE e PP, que permiten que as  empresas afonden deste xeito na precarización das condicións laborais, e adiantou que a  central sindical continuará a mobilizarse até conseguir derogalas. “Porque non imos permitir  que continúen estes ataques contra os nosos dereitos”. 

 Salientou tamén o feito de que o cadro de persoal “segue a manter a dignidade” a pesar de  todos os atrancos e denunciou a actitude “chulesca e soberbia” da dirección. “Que non pensen que nos van dobregar, imos apoiar esta loita até onde faga falta”. 

 Na concentración diante da Xunta participaron tamén outros responsábeis da CIG como o  secretarios nacional e comarcal da federación da Construción, Plácido Valencia e Carlos  Méndez, e o secretario da Unión Local do Baixo Miño, Serafín Fernández. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario